Entramos na segunda metade do ano e en Verdegaia continuamos coa campaña ‘12 Meses, 12 Saberes’ co obxectivo de dar a coñecer aspectos singulares do patrimonio natural e etnográfico galego. Coa celebración dunha andaina cada mes descubriremos, e aprenderemos, curiosidades nos máis variados campos que fan da nosa terra un lugar único.
Este mes dedicámolo á flora de ribeira. Dicía o poeta que o interior da Galiza é unha constante sucesión de ríos e vales. E é certo, a terra dos mil ríos ten nos bosques fluviais un dos seus ecosistemas máis característicos.
Desta volta iremos ata o río Zamáns, no límite das parroquias de Zamáns (Vigo) e Vincios (Gondomar), onde as augas do río aínda van limpas, inconscientes da contaminación que as espera augas abaixo antes de chegar á foz do Miñor na Ramallosa.
Aprenderemos a distinguir os bidueiros dos ameneiros, os sabugueiros dos sanguiños e a identificar ata cinco tipos de fentos. E todo isto á sombra duns carballos nunha maña de verán. A que che gusta o plan?
Os participantes recibirán ao inicio da actividade un folleto con imaxes e comentarios das especies arbóreas e arbustivas máis significativas. Ao rematar, dun modo divertido, os guías porán a proba os coñecementos adquiridos polos participantes.
Data: sábado 27 de xullo, de 11:00 a 13:30h.
Punto de encontro: zona de aparcamento no camiño de acceso aos Muíños de Zamáns (Vigo) – 42°09’32.0″N 8°42’11.1″W
A inscrición é gratuíta pero obrigatoria en info@verdegaia.org, indicando o nome de cada persoa, un número de teléfono e especificando se algunha é menor de 14 anos.