Esta actividade está pensada para comparar un ecosistema dado en dous momentos diferentes do ciclo anual da natureza na Zona de Especial Conservación das Ribeiras do Louro e dos seus arredores (O Porriño).

Deste xeito, realizarase unha saída por diferentes enclaves naturais das Ribeiras do Louro o sábado 17 de maio, en plena floración de moitas especies de plantas, con todas as árbores brotadas, e en plena época de cría das aves, herpetos, mamíferos e insectos.

Uns meses máis tarde, en Decembro, realizarase unha saída polos mesmos enclaves visitados na primavera coa meirande parte dos seres vivos das Ribeiras do Louro resistindo os rigores do outono-inverno.

Nas dúas saídas apuntaremos o que vexamos e compararemos o observado de cada vez para tomar consciencia dos cambios que se producen nos diferentes momentos do ciclo anual da natureza na Zona de Especial Conservación das Ribeiras do Louro e dos seus arredores.

  • Data: sábado 17 de maio de 2025, de 10:00 a 13:00
  • Punto de saída: Barreira de Orbenlle (O Porriño) – 42°06’06.1″N 8°37’51.5″W
  • Dificultade: Baixa – 4 quilómetros sen desnivel
  • Inscrición: gratuíta pero obrigatoria en info@verdegaia.org, indicando nome completo, un número de teléfono e se algún participante é menor de 14 anos (desde o momento do envío desta convocatoria ata o xoves 15 de maio, incluído). As socias terán preferencia ata o luns 12 de maio.

Obxectivos da actividade:

  • pór en valor os valores naturais das Ribeiras do Louro e coñecer as principais especies de animais e plantas
  • comparar as diferentes especies de seres vivos e o seu estado en diferentes momentos do ciclo anual da natureza.
  • fomentar as actividades de observación e aprendizaxe sobre a natureza.

Valores naturais que poderemos observar:

  • bosques de ribeira, turbeiras e barreiras naturalizadas
  • diferentes especies de vexetais: amieiro, salgueiro,…
  • diferentes especies de animais: rá verde, sapoconcho común, merlo, paporrubio,…