12 Meses, 12 Saberes: Unha campaña anual para dar a coñecer o noso patrimonio
Verdegaia vén de presentar a campaña 12 Meses, 12 Saberes. Celebrando unha actividade cada mes, visitaremos espazos singulares do patrimonio natural e etnográfico galego, aprendendo aspectos tan variados como o uso tradicional dalgunhas plantas, métodos de actuación contra especies invasoras ou recoñecer o canto/reclamo de aves nocturnas.
Iniciamos a campaña en xaneiro cunha ruta ornitolóxica polo litoral próximo á xunqueira do río Lagares en Vigo. Ademais de observar aves como o bilurico bailón (Actitis hypoleucos) ou o virapedras (Arenaria interpres), explicaremos como se realiza un censo de aves, a importancia que ten para coñecer a evolución dun espazo natural, e realizaremos unha simulación de modo que cada participante poderá practicar realizando o seu propio censo.
Tamén aproveitaremos para coñecer a historia das salinas das Rabadeiras, unhas salinas construídas no século XVIII e das que aínda se conserva un dos muros orixinais.
Ao rematar, e dun modo divertido, os guías porán a proba os coñecementos adquiridos polos participantes.
.Data: Sábado 18 de xaneiro, de 09:30 a 12:30h.
.Punto de saída: Cabo de Mar (praia de Samil en Vigo)
.Inscrición: A partir do venres 10 estará aberta ás socias, que terán preferencia ata o día 13.
A inscrición é gratuíta pero obrigatoria en info@verdegaia.org, indicando o nome de cada persoa, especificando se algunha é menor de 14 anos, e un número de teléfono.
