12 Meses, 12 Saberes: Unha campaña anual para dar a coñecer o noso patrimonio
Verdegaia continúa en marzo coa campaña ‘12 Meses, 12 Saberes’ que decorrerá ao longo deste 2024 co obxectivo de dar a coñecer aspectos singulares do patrimonio natural e etnográfico galego. Coa celebración dunha andaina cada mes descubriremos, e aprenderemos, curiosidades nos máis variados campos que fan da nosa terra un lugar único.
Este mes dedicámolo aos anfibios. Iremos ata o monte Aloia en Tui, espazo declarado Parque natural e pertencente á Rede Natura 2000, un medio natural perfecto para aprender a identificar algúns dos anfibios máis habituais na Galiza e pescudar nese proceso, case máxico, que caracteriza os anfibios: a metamorfose.
O monte Aloia sempre tivo unha connotación mística, asociado por algúns co Monte Meludio, é escenario todos os anos de varias romarías e fonte de diversas tradicións que iremos descubrindo ao longo da andaina.
Os participantes recibirán ao inicio da actividade un folleto con pistas para identificar os elementos máis representativos que se abordarán neste roteiro. Ao rematar, dun modo divertido, os guías porán a proba os coñecementos adquiridos polos participantes.
Data: Domingo 24 de Marzo, de 11 a 13:30h.
Punto de encontro: cruceiro do Aloia (Tui) – 42°04’57.5″N 8°41’05.5″W
Inscrición: gratuíta pero obrigatoria en info@verdegaia.org, indicando o nome de cada persoa e especificando se algunha é menor de 14 anos.