Verdegaia continúa coa campaña ‘12 Meses, 12 Invasoras’ que decorre ao longo deste 2023 co obxectivo de visibilizar o problema ambiental que supoñen as Especies exóticas invasoras (EEI).

En Outubro incidimos na Cana (Arundo donax), seguramente a especie invasora máis antiga xa que se estima que chegou á Península Ibérica no século XV. Plantada inicialmente no medio rural para utilizar o talo como titor nas plantacións hortícolas, actualmente está estendida un pouco por todo o país tornándose un grave problema especialmente nos cursos fluviais:

  • substitúe completamente a flora de ribeira;
  • ten un elevado consumo hídrico, moi superior ao das plantas autóctonas;
  • provoca inestabilidade dos noiros, debido ao elevado peso que alcanza;
  • diminúe a diversidade de pequenos invertebrados.

A situación actual é moi complicada, tanto pola crecente expansión como pola dificultade en eliminala. A eliminación completa da cana esixe a extracción do poderoso rizoma que forma debaixo de terra, algo que en individuos de grandes dimensións é moi difícil de realizar sen axuda de maquinaria.

Na última fin de semana de Outubro iremos ata o río Couso no Porriño, onde Verdegaia ven realizando actividades de restauración ambiental, para aprender diversos métodos de eliminación sen recorrer a sustancias químicas. Actividade que se se realiza en colaboración coa Oficina de Voluntariado do Concello do Porriño. Esta será a terceira sesión de limpeza e eliminación de especies exóticas invasoras no Ró Couso.

Data: Sábado 28 de Outubro

Horario: 11:00 – 13:00

Punto de encontro: rúa Leandro Diz, 5 – O Porriño

Contacto: 691 657 039