Verdegaia continúa coa campaña ‘12 Meses, 12 Invasoras’ que decorre ao longo deste 2023 co obxectivo de visibilizar o problema ambiental que supoñen as Especies exóticas invasoras (EEI).

En Decembro destacamos a Reynoutria (Fallopia japonica), planta orixinaría de Asia que chegou a Europa no século XIX como planta forraxeira pero que co tempo se transformou nun problema moi grave en amplas zonas de Europa central.

A UICN (Unión internacional de conservación da natureza) incluíu esta planta entre as cen especies invasoras máis perigosas pola capacidade de reprodución vexetativa e pola complexidade que supón a extracción do seu rizoma, un órgano subterráneo que alcanza unhas dimensións e fortaleza de tal orde que permite que os talos desta planta poidan agromar atravesando ata cinco centímetros de asfalto. Na ficha adxunta podes atopar máis datos desta planta e tres métodos para eliminala.

Na Galiza destaca a situación nas Gándaras de Budiño onde nos últimos anos se teñen detectado varios puntos con esta planta. De feito a Xunta licitou o ano pasado un contrato por máis de 70.000€ para controlar a súa expansión neste espazo natural e nas zonas próximas. Actualmente a situación semella controlada pero cun custe moi elevado porque foron utilizados fitosanitarios en pés que medraban na marxe do río Louro co elevadísimo risco de afectar os seres vivos da contorna.

Este gasto podería ter sido moito menor se as administracións tivesen tomado medidas serias en 2014 cando Verdegaia informou1) da detección de varios pés nunha zona próxima ás Gándaras. Pero dende entón as actuacións foron ineficaces e incluso perigosas como detectamos2) nunha zona a escasos cinco metros do río Louro na que simplemente se realizou un corte da parte aérea da planta. As imaxes adxuntas reflicten como un corte illado da parte aérea non serve de nada porque a planta volve a medrar con forza rapidamente.

1)https://www.verdegaia.org/wp/ahe-sghn-e-verdegaia-piden-o-control-de-fallopia-japonicanas-gandaras-de-budino/

2)https://www.verdegaia.org/wp/a-invasion-continua/