Verdegaia presenta a campaña “12 Meses, 12 Invasoras’” que decorrerá ao longo deste 2023 co obxectivo de visibilizar o problema que supoñen as Especies exóticas invasoras (EEI).

As Especies exóticas invasoras son a segunda principal causa de perda de biodiversidade. Ao estenderse impiden o desenvolvemento das especies autóctonas provocando unha alteración no equilibrio dos ecosistemas. E as previsións non son nada positivas, estudos recentes prognostican que ata 2050 as EEI crecerán un 64% en Europa, converténdoa no principal destino mundial de plantas e animais invasores, unha situación que é consecuencia directa do incesante crecemento de desprazamentos de mercadorías e persoas.

Cada mes destacaremos unha das EEI máis problemáticas para os ecosistemas galegos:

  • dando pistas de identificación
  • explicando técnicas de eliminación
  • organizando actividades de eliminación en espazos de especial valor ecolóxico

A periodización das actividades responde ao principio de precaución, procurando actuar sobre cada planta nun mes no que a súa capacidade reprodutora sexa mínima. Algo fundamental, pero que as administracións habitualmente non teñen en conta, para evitar que a manipulación da planta favoreza a súa expansión.