Verdegaia continúa coa campaña ‘12 Meses, 12 Invasoras’ que decorre ao longo deste 2023 co obxectivo de visibilizar o problema ambiental que supoñen as Especies exóticas invasoras (EEI).
Este mes de Abril adicámolo á Tintureira (Phytolacca americana), na ficha adxunta indicamos datos básicos sobre esta planta e o Domingo 30 de Abril realizaremos unha actividade de eliminación no río Barxa en Sárdoma (Vigo).
A Tintureira, tamén coñecida popularmente como Herba carmín, é unha planta orixinaria da América do Norte que se estende por cursos fluviais e por medios alterados como prados. Esténdese rápidamente mediante a diseminación de sementes aproveitando que as aves se alimentan dos froitos e posteriormente defecan as sementes.
A Tintureira pode alcanzar a finais do verán unha envergadura de dous metros de altura polo que é agora nos meses de Abril e Maio que debemos intervir aproveitando que non mide máis de 20 cms e aínda non ten froitos.
Así, o Domingo 30 de Abril combinamos ás 11h no aparcamento que hai xusto ao lado do río Barxa en Sárdoma (Estrada do Fragosiño – 42°12’41.9″N 8°42’46.2″W). A participación é gratuíta e a organización prestará as ferramentas e as luvas necesarias.