12 Meses, 12 Invasoras: Unha campaña anual para combater a perda de biodiversidade
Verdegaia continúa coa campaña ‘12 Meses, 12 Invasoras’ que decorre ao longo deste 2023 co obxectivo de visibilizar o problema ambiental que supoñen as Especies exóticas invasoras (EEI).
Este mes de Marzo adicámolo á Acacia negra (Acacia melanoxylon), na ficha recollemos a información máis destacable sobre esta árbore e o Domingo 26 realizaremos unha actividade de eliminación en Cangas.
A Acacia negra é unha árbore orixinaria de Oceanía que está colonizando grandes extensións de bosque. Comparte moitos dos problemas que supón o eucalipto pero co engadido de ser aínda máis difícil de eliminar. O potente sistema radicular e a resistencia das sementes fan que a súa propagación sexa imparable senón actuamos con firmeza. Descubre como freala na ficha deste mes.
O Domingo 12 estivemos na Escola pública Espiñeira (Aldán) e este Domingo 26 imos ata unha zona próxima ao complexo dunar de Nerga, unha fermosa zona do Morrazo que sufre o azoute da Acacia melanoxylon e da Acacia longifolia.
Ademais de colaborar na eliminación destas EEI poderás aprender a técnica do descascado, a mellor opción para eliminar acacias sen utilizar sustancias químicas.
Axúdanos a recuperar a flora autóctona galega, nós poñemos as ferramentas e todos os materiais necesarios,… ti pos as gañas!
Data: 26-03-2023
Horario: 11:00 – 13:00
Punto de encontro: 42°15’54.9″N 8°49’42.0″W – Área recreativa Cruz do castro, O Hío (Cangas)

Moeda social “A Sabia” para o voluntariado
Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.
A Sabia ofrece, ao voluntariado de Verdegaia que o desexe, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.
Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.
