ELIMINACIÓN DE ESPECIES EXÓTICAS INVASORAS E PLANTACIÓN DE NATIVAS

Chegaron as dúas primeiras convocatorias deseucaliptizadoras de 2020, previstas para Coruxo, no concello de Vigo, para o sábado 11 de xaneiro, e en Valón, concello de Ferrol, para o sábado 18. Non demores en te apuntar pois as vagas son limitadas.

CORUXO 11-X

O próximo sábado 11 de xaneiro realizaremos a nosa primeira acción de voluntariado do ano 2020 e que será tamén a primeira das colaboracións das Brigadas coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Coruxo, que desenvolve unha intensa actividade de restauración ambiental do seu territorio.

Actuaremos nas ribeiras do regato do Pontón, no monte comunal de Coruxo. Unha vez liberado de eucaliptos, este espazo será destinado á plantación dunha ampla variedade de árbores e arbustos autóctonos, continuando o labor iniciado o ano pasado por voluntari@s e alumn@s do colexio Carrasqueira.

Na xornada do 11 elimininaremos manualmente abrochos de eucalipto, arrincaremos os de menor tamaño e anelaremos os máis grosos. Se podes achegar unha laia ou unha pequena machada resultarán de grande axuda.

Quedamos ás 9:30h no local social da Comunidade de Montes de Coruxo (https://goo.gl/maps/51xzoVUhszMtqCAK7). Cando rematemos a actividade, en torno ás 13:30h, reporemos forzas cun xantar ao que estades tod@s convidad@s.

Podes anotarte contactando coa persoa responsábel da Comunidade de Coruxo a través do whatsapp co número de teléfono 653904642, indicando se ficas a xantar ou non. @s menores de 16 anos deberán vir acompañad@s dunha persoa adulta; se teñen entre 16 e 18 anos, abondará coa autorización da nai, pai ou titor/a legal. As prazas cubriranse por orde de inscrición ata o día 10 de xaneiro, cando pecharemos as listas.
 

VALÓN 18-X

As Brigadas deseucaliptizadoras voltan a Ferrolterra para dar continuación dos traballos realizados en 2019 no monte do Calexón (Valón), dando continuidade ás de 8 de xuño e 14 de decembro. Desta volta realizaráse unha plantación manual de aproximadamente 300 árbores autóctonas: castiñeiros, carballos e bidueiros maiormente. Nesta xornada o labor será exclusivamente a plantación manual con sacho das árbores autóctonas no lugar que durante décadas fóra un eucaliptal. Agradécese ás persoas voluntarias que que dispoñan dela que traian ferramenta propia.

Para vos apuntar, é preciso, alén de estardes inscritas como Brigadistas, enviar un correo electrónico á persoa coordinadora da brigada: feryanezmarcelin@gmail.com Data límite para apuntarse para facilitar a loxística 12 de decembro (máximo 30 persoas).

O lugar de encontro será o local da asociación de veciñ@s de Valón ás 9:00 h da mañá, https://www.google.com/maps/@43.4952069,-8.2685192,17z

Dende alí partiremos para a zona de traballo. Os traballos realizaranse ata ás 14:00 h no que regresaremos á asociación de veciñ@s onde a organización convidará ás persoas participantes ó xantar comunitario. Lembrarvos que as brigadas non son só traballo, senón tamén convivio, todo o mundo é benvido independentemente da súa capacidade de traballo, así agradecemos a presenza de crianzas ou persoas maiores que queiran compartir a xornada ou o xantar con nós.


VÉMONOS NO MONTE!