yasun_itt.jpgEcologistas en Acción, Observatorio da Débeda na Globalización e Salva a Selva remitiron  ás autoridades españolas un manifesto asinado por 175 organizacións europeas e latinoamericanas, entre elas Verdegaia, pedindo ao Estado español que contribúa política e economicamente coa iniciativa Yasuní-ITT. Esta iniciativa, promovida polo Goberno ecuatoriano, formula non extraer o petróleo existente no subsolo do amazónico  Parque Nacional Yasuní, un dos lugares con maior biodiversidade do planeta, a troco dunha compensación económica coa que investir no desenvolvemento das renovables  e en proxectos sociais.

O Manifesto salienta a importancia da iniciativa ITT-Yasuní nas accións internacionais de loita fronte á mudanza climática. Perante a situación de parálise internacional que se instaurou após o Cumio de Copenhaguen, son de vital importancia iniciativas concretas, como a Iniciativa Yasuní-ITT, que marquen a rota de saída aos escenarios de crise climática, ecolóxica e enerxética. Aínda que este tipo de actuacións non resolverán por si soas as crises globais, si servirán para orientar a comunidade internacional cara ao único enfoque correcto: unha sociedade e economía post-petroleiras, polo vieiro da redución da extracción e queima de petróleo, especialmente en zonas do planeta social e ambientalmente fráxiles.

O envío coincide coa negociación do Marco de Asociación Ecuador-España, documento que rexerá a cooperación española con Ecuador durante os próximos anos, e no que debe ficar recollido o contributo español á Iniciativa ITT-Yasuní. Espérase que o documento se asine nunha próxima visita da nova Ministra de Asuntos Exteriores e de Cooperación, Trinidad Jiménez, a Ecuador no mes de Novembro.

De acordo coas organizacións promotoras do Manifesto, urxe comprometerse e facer oficial a achega do Estado español, xa que o Goberno ecuatoriano ameaza con extraer o petróleo do Yasuní se non obteñen os recursos solicitados á comunidade internacional. Alén diso, é desexable que España lidere no seo da Unión Europea a procura de máis apoios, que se sumen ao interese manifestado por Alemaña ou Italia.

O manifesto tamén sinala como en ningún caso as contribucións dos estados doadores deben propoñerse como Mecanismo de Desenvolvemento Limpo (bonos de carbono), nin como Axuda ao Desenvolvemento, nin deben tampouco servir para xerar nova débeda externa. Así mesmo, as organizacións asinantes rexeitan que estas achegas poidan provir de trocos de débeda xa contraída sen distinguir previamente a parte lexítima da ilexítima; ou vincularse á negociación de ningún tratado de libre comercio.

Ditas organizacións achan que unha posibilidade interesante sería que os fondos proviñesen da redución de actividades ou a suspensión de proxectos que tradicionalmente consumiron importantes recursos enerxéticos fósiles. Deste xeito, as sociedades que apoien a iniciativa Yasuní converteríanse de xeito real, en precursoras da nova era post-petroleira.

pdf Manifesto de apoio á iniciativa ITT-Yasuní