avalancha2.jpgComo parte do programa das Festas Populares de Compostela 2011(1), Verdegaia organiza unha Avalancha Ciclista Popular que, con saída dende a praza do Obradoiro o vindeiro xoves 2 de xuño, ás 12:00, e regreso ao mesmo lugar, levaranos a efectuar unha conquista festiva e simbólica da Cidade da Cultura. A obxecto de participar das Festas Populares de Compostela deste ano e reivindicar no concello de Compostela unha cultura máis participativa e apegada á cidadanía e menos baseada en infraestructuras descomunais e lesións ás arcas públicas e o medio ambiente, Verdegaia propón a grandes e pequen@s, deportistas ou non, un roteiro ciclista lúdico e reivindicativo: a Avalancha Ciclista Popular.


A Avalancha Ciclista Popular sairá da praza do Obradoiro ás 12:00 da mañán, o vindeiro xoves 2 de xuño e, seguindo un traxecto circular, conduciranos até a Cidade da Cultura, o faraónico complexo de edificios que domina a cidade de Compostela dende o que queda do monte Gaiás. Efectuaremos a súa conquista chantando alí a bandeira do escornabois ciclista1 e despois descenderemos novamente até a praza do Obradoiro. Levaremos música para manter altos os ánimos e as musculaturas a ritmo.

O roteiro é apto para persoas de todas as idades que saiban andar en bici, e tamén para bicis de calquera tipo. Procuraremos ir en grupo e haberá persoas da organización na vanguarda e na retaguarda. Aconsellamos a quen participe que traia cando menos un litro de auga para beber, algo de comer e, no caso de que teñamos un día de sol, protección axeitada para a cabeza, a pel e os ollos. Tamén é recomendábel non esquecer unha cámara de reposto e/ou un xogo de parches. Podes vir vestid@ para a ocasión.

O traxecto exacto do roteiro pódese consultar na rede nesta dirección: http://www.bikemap.net/route/997722?130668044869702. A duración estimada da actividade é de unha hora e media.

avalncha3.jpg

1. 

Ver http://festaspopularescompostela.blogspot.com/