O venres pasado Verdegaia mantivo unha xuntanza con Daniel Luna,  activista mexicano que está a facer unha rolda europea de denuncia dos abusos e falsas acusacións a que están sometidos os colectivos e persoas da loita anti-mineira en México, especialmente, en Chiapas. Hai dous anos o goberno mexicano autorizou unha serie de concesións para a exploración  e explotación mineira a  cinco empresas canandenses na Serra Madre de Chiapas. Nesa zona, as terras son comunais e están poboadas fundamentalmente de campesiños/as e indíxenas, cun elevado grao de analfabetismo. Sen máis información, moita xente asinou a partir dunha campaña de "medias verdades" na que as empresas prometían estradas, colexios, centros de saúde e emprego para a explotación do ouro.

Porén, unha serie de colectivos, entre os que está o FNLS ó que pertence Daniel Luna, desenvolveron unha campaña educativa para alertar sobre os perigos desa actividade mineira a ceo aberto nunha rexión virxe e co sector primario como motor principal. A partir dese intre, comezaron os hostigamentos, desde as empresas e desde o goberno (encarceramentos sen proceso xudicial, asaltos a domicilios privados, falsas acusacións, un secuestro e dúas mortes en condicións estrañas). Neste momento, estas persoas, acusadas polo goberno de estaren relacionadas con organizacións armadas e cárters da droga, están fuxidas,  Algunhas realizando esta xira de denuncia por Europa e outras en zonas máis próximas (fundamentalmente Guatemala).

O obxectivo desta xira europea é conseguir o apoio solidario internacional para presionar ó goberno mexicano para que retire as falsas acusacións (xa que contan coa ONU como mediadores e todas elas traballan a prol dos dereitos humanos) e poder regresar ás súas casas. Conseguiron facer dúas preguntas no parlamento europeo (algo que suavizou un pouco as tensións) e pretenden que se lles axude tamén desde os parlamentos autonómicos do Estado español.

  pdf sntesis_del_contexto_de_hostigamiento_y_criminalizacin_al_fnls