ENCEOs vertidos das fábricas do complexo industrial ENCE ELNOSA constitúen un dos principais problemas ambientais da Ría. Con datos da autorización de vertido do 2003, a empresa podía verter ata 43.000 m3 diarios que poden conter unha carga de sólidos en suspensión de ata 2.250 kg diarios e ata 9.000 kg diarios de DQO (Demanda Química de Osíxeno) total. A turbidez producida por esta materia orgánica provoca a diminución da actividade fotosintética e a cantidade de alimento dispoñible para os moluscos, parte desta mesma materia orgánica é depositada nos fondos da Ría producindo aumento do consumo de osíxeno afectando ao crecemento e supervivencia da vida neses fondos. ENCE pode verter ata 108 kg de Fósforo ao día e ata 810 kg de Nitróxeno amoniacal. Elementos que actúan como fertilizantes permitindo un desenvolvemento masivo de microalgas en capas superficiais das augas producindo diminución da concentración de osíxeno no mesmo e provocando na zona afectada mortaldade masiva de moluscos por asfixia. Por outra banda, os vertidos elevan as temperaturas do interior da Ría entre 1 e 2 graos centígrados, situando aos organismos non habituados a estrés térmico que os fai máis sensíbeis a parasitos e predadores. A todo isto temos que sumar, como resultado do proceso de fabricación da pasta, diversos tipos de compostos como dioxinas, ou cantidades importantes de mercurio introducidas no sistema de produción de cloro e sosa por electrólise que pasan en cantidades nada desprezábeis á Ría onde se transforman en formas metiladas altamente tóxicas.

Á máis da contaminación provocada polos vertidos directos de ENCE, esta semana a Comisión Europea  ven de ratificar a denuncia interposta contra o Estado español ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea por incumprimento da directiva sobre o tratamento de augas residuais urbanas para poboacións superiores a 10000hab.  O problema de un deficiente ou inexistente saneamento está a supor a morte lenta pero continua das nosas rías.