versos contra o cianuroContra o veleno do cianuro, a enerxía dos versos;  contra a desfeita das agresións ao medio, a inmensa forza da poesía que constrúe espazos novos.

Con esta idea, a Plataforma pola defensa de Corcoesto, da que Verdegaia fai parte, organiza para o vindeiro día 11 un recital de poesía no Couto (Ponteceso).

Por medio deste acto queremos facer visible, na voz dun fato de poetas da nosa terra, a nosa oposición ao proxecto mineiro que Edgewater, empresa canadense, ten pensado levar a cabo en Corcoesto (Cabana de Bergantiños). A tecnoloxía que se pretende empregar para esa explotación é a lixiviación con cianuro, unha tecnoloxía altamente tóxica que ten graves repercusións sobre o medio, e que leva causados numerosos accidentes ao longo do planeta desde que empezou a utilizarse.


A poesía, esa arma cargada de futuro, servirá nesta ocasión como elemento reivindicativo, como revulsivo, como espertador de conciencias adormecidas.

No acto, que se celebrará ás 8 da tarde na Casa dos Veciños do Couto, participan lendo os seus poemas Lucía Aldao, Diego Cousillas, Óscar de Souto, Chisco Fernández Naval, María Lado, Xosé Antón Laxe Martiñán, Lucía Novas, Xosé Luis Santos Cabanas e Paco Souto.

O pianista Serxio Moreira encargarase de poñer fondo musical aos poemas. A parte plástica correrá a cargo de Nolo Suárez, cuxo mural servirá de telón de fondo ao espectáculo.