O acordo atinxido o 12 de decembro polos Xefes de Estado e de Goberno europeos sobre o Paquete de Clima e Enerxía, que define a resposta da Unión Europea perante as alteracións climáticas, foi considerado como un auténtico fracaso pola Rede Europea de Acción contra o Clima. O acordo é inconsistente co obxectivo de contribuír a manter o quecemento global por debaixo dos 2ºC. Organizacións ecoloxistas e de desenvolvemento pediron ao Parlamento europeo que o rexeite.

No Estado español, Amigos de la Tierra, Ecologistas en Acción, Greenpeace, Intermón Oxfam e WWF sinalaron nun comunicado conxunto que os líderes europeos só se comprometeron de forma ambigua a acadar o obxectivo de redución das emisións do 30% no 2020, obxectivo polo que apostaban rotundamente hai un ano.

De forma adicional, o acordo ao que se chegou na semana pasada permite que até os  dous terzos do esforzo de redución de emisións, un nivel excesivamente alto, se realice mediante a compra de créditos de carbono de proxectos fóra da Unión Europea. Os líderes europeos non aceptaron introducir mecanismos de sancións, tais como multas, para obrigar aos estados a cumprir cos seus obxectivos.

Polo tanto, pídese ao Parlamento Europeo que apoie un esforzo europeo de redución de emisións efectivo cando vote a proposta lexislativa sobre o Reparto de Esforzos e, simultaneamente, que rexeite o acordo acadado na semana pasada sobre esta norma. Tamén se solicita á sociedade civil e aos parlamentos estatais que non acepten o uso de créditos de carbono sen criterios de calidade inherentes.

Comercio de emisións

No que atinxe á regulación do  réxime de comercio europeo de permisos de emisión que se aplicará a partir de 2013 ,concedeuse practicamente a total exención da compra de permisos para o sector industrial europeo. As organizacións ecoloxistas e de desenvolvemento insisten en que o sistema de subhastas de permisos de emisión debe ser a norma para todas as industrias incluídas neste réxime, cando se revise este sistema. As industrias que non reduzan o seu nivel de contaminación teñen que pagar por iso. Os ingresos xerados nas subhastas teñen que financiar políticas de loita contra a mudanza climática nos países en desenvolvemento e en Europa.

Máis información:

Área de mudanza climática de Ecologistas en Acción 

Climate Action Network Europe