arboreCo gallo do día forestal mundial, Verdegaia esixe á Xunta unha política forestal que defenda o bosque galego.

Nun inverno marcado pola falla de chuvias, Verdegaia quere expresar a súa profunda preocupación pola situación actual do monte galego, con máis de 1000 hectáreas arrasadas polo lume no que vai de ano, o que fai temer unha primavera e verán dramáticos para os nosos montes.

É imprescindible unha política forestal que fomente un uso sustentable dos montes, e que aposte polo aproveitamento dos productos e servizos forestais locais, a repoboación con especies forestais autóctonas (moito máis rendibles que un eucalipto á baixa no mercado da madeira) e o fomento da producción de madeira de calidade. Nun momento como no que nos atopamos, o sector agrario forestal pode ser clave para o rexurdir dunha economía rural que, en tempos de crise, sempre salvou ao pobo galego da pobreza extrema.

Dende Verdegaia reclamamos unha verdadeira política de prevención de lumes ao longo de todo o ano, e non so centrada na extinción nos meses de verán. É necesaria a profesionalización do persoal de prevención e extinción de lumes, dotándoo de formación e material axeitado, e de traballo durante todo o ano.

Xunto a prevención, extinción e planificación forestal, Verdegaia solicita tamén a restauración das áreas xa degradadas polos lumes, con especial atención aos espazos naturais protexidos (coma o LIC Macizo Central e ZEPA A Limia, afectados polos lumes este ultimo outono, e a Reserva da Biosfera de Allariz e LIC Ancares-Courel, con lumes a pasada semana). Esa restauración deberá seguir criterios que eviten que os nosos bosques sigan a ser tan vulnerables aos lumes.

A perda do bosque constitúe unha perda económica, ecolóxica e social que non podemos nin debemos permitir.

Para máis información:

– Marga, representante de Forestal de Verdegaia (986 126 448).