Verdegaia vén de presentar alegacións a diferentes parques eólicos contemplados dentro do novo concurso eólico. Lamentablemente, comprobamos que se segue sen procurar unha protección do territorio e sen buscar unha ordenación do territorio en base á cal decidir cales son as mellores zonas de aproveitamento eólico, mais limitando claramente as especies e hábitats máis delicados dentro da nosa comunidade.

Nestas últimas dúas semanas, presentamos alegacións a catro parques eólicos: Cotofrío (O Irixo, Dozón e Piñor), Pico Seco (Lalín e O Irixo), Valdepereira (Lalín e O Irixo) e Rodicio-Peredo (Maceda e Montederramo).  Pódese comprobar que tres deles ocupan zonas moi próximas, polo que non soamente habería afectacións individuais dese parque eólico, senón a acumulación dos tres máis outros parques eólicos xa existentes na zona.

O parque eólico Cotofrío, nos concellos ourensáns de O Irixo e Piñor e no pontevedrés de Dozón, podería afectarlles ás bacias dos ríos Ulla, Miño, o río Seixas e un afluente do Asneiros, dous hábitats prioritarios (4020: Brezais húmidos atlánticos de zonas temperás de Erica ciliaris e de Erica tetralix e 6430: Megaforbios eutrofos hidrófilos das orlas de chaira e dos pisos montano a alpino), 5 especies contempladas dentro do Anexo I da Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello do 30 de novembro de 2009 relativa á conservación das aves silvestres, 2 especies vulnerables en diferentes publicacións (Libro Rojo, Catálogo Galego de Especies Ameazadas…) e entre 15 e 25 puntos de interese histórico-artístico. 

O parque eólico Pico Seco, nos concellos de Lalín (Pontevedra) e O Irixo (Ourense) podería afectarlles ás concas dos ríos Viñao e Asneiros (un afluente do Asneiros xa podería estar afectado co parque eólico Cotofrío), 1 hábitats prioritarios (4020: Brezais húmidos atlánticos de zonas temperás de Erica ciliaris e de Erica tetralix), 33 especies de Especial Interese do Catálogo Nacional de Especies Amenazadas; 3 especies en perigo segundo as Categorías de Ameaza UICN, 2 especies case ameazadas das Categorías de Ameaza UICN, 3 especies vulnerables en diferentes publicacións (Categorías de Ameaza UICN, Catálogo Galego de Especies Ameazadas…) e 2 xacementos catalogados que quedarían a menos de 200 metros dos aeroxeneradores.

 

O parque eólico Valdepereira, nos concellos de Lalín (Pontevedra) e O Irixo (Ourense) podería afectarlles ás concas do río Asneiros e do Viñao (xa posiblemente afectadas polo parque eólico Pico Seco), 1 hábitat prioritario (4020: Brezais húmidos atlánticos de zonas temperás de Erica ciliaris e de Erica tetralix), 38 especies de Especial Interese segundo o Catálogo Nacional de Especies Amenazadas; 3 especies en perigo segundo as Categorías de Ameaza UICN, 2 especies case ameazadas segundo as Categorías de Ameaza UICN, 3 especies vulnerables segundo diferentes publicacións (Categorías de Ameaza UICN, Catálogo Galego de Especies Ameazadas..) e 1 mámoa catalogada.

 

Se a todas estes posibles impactos lles sumamos os habituais de calquera parque eólico (contaminación do aire, contaminación acústica, afectación á paisaxe, redución da flora, etc.), podemos comprobar que soamente estes tres parques eólicos, ós que lles temos que engadir o xa existente Penas Grandes pola mesma zona, non terían unha afectación individual (moi importante xa), senón unha acumulación de impacto moi grave nunha zona moi reducida.

O parque eólico Rodicio-Peredo nos concellos ourensáns de Montederramo e Maceda, podería ter os seguintes impactos: bacias dos ríos Ulla, Miño e o río Seixas ; 2 hábitats prioritarios (4020: Brezais húmidos atlánticos de zonas temperás de Erica ciliaris e de Erica tetralix e 91E0 de interese prioritario Osmundo Alnion, bosque aluvial de Algus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae); sitúase a menos de 3 quilómetros do LIC e ZEPVN Bidueiral de Montederramo; 13 especies vulnerables (aves, anfibios, mamíferos, etc.) e  1 xacemento catalogado que quedaría entre varios aeroxeneradores.

Verdegaia lamenta ver como, a pesar de ter solicitado unha ordenación real do territorio e zonas claramente prohibidas para a colocación de parques eólicos (baseándonos na protección dos seus valores naturais) a Administración continúa a pechar os ollos ante a destrución acumulada de fauna, flora, valores patrimoniais, zonas que se deberían integrar na Rede Natura 2000, etc. 

O máis grave de todo é que de forma clara a Administración divide todos os pequenos proxectos de parques eólicos (12 aeroxeneradores, 5 aeroxeneradores e incluso… 3 aeroxeneradores), pero na práctica o que se instala finalmente son unha cantidade total moi superior nunha zona. En lugar de facer un Estudo de Impacto Ambiental sobre o total da afectación por este motivo, presentan os proxectos reducidos, de tal xeito que multiplican o traballo da cidadanía e dos colectivos ecoloxistas para alegar e non se fai un informe verdadeiro dos impactos.

Por todo o exposto, Verdegaia segue a esixir unha ordenación do territorio real, que se prohiban os parques eólicos nas zonas de Rede Natura, que se aumenten as zonas de Rede Natura 2000 (tarefa pendente da administración galega), así como outras figuras de protección (LIC, ZEPAS, etc.) e que a clase política se preocupe sinceramente dos valores naturais (deberiamos lembrar que son esenciais para a existencia do ser humano) que está contribuíndo a facer desaparecer.