_dsc0047.jpgAltermundo, Amarante, Caleidoskopio, Fuga em Rede, GAS e Verdegaia denunciaron cun acto o 6 de marzo en Vigo a política exterior do Goberno Central, permisivo coas violacións de Dereitos Humanos do Goberno colombiano. 

O Xoves 6 de marzo 2008, ás 20 horas, tivo lugar unha concentración na Rúa Urzaiz 180, sede do PSdeG-PSOE en Vigo, baixo o lema “En Colombia: Nunca máis fosas comúns. Nunca máis desprazamentos forzados. Nunca máis paramilitares. Nunca máis crimes de Estado.” Con este acto reivindicativo, os colectivos esixiron ao Goberno Central que cambie urxentemente a súa política exterior con Colombia e demande ao executivo de Bogotá o fin da súa política de Guerra e da impunidade, así como o desmantelamento dos grupos paramilitares.
_dsc0041.jpg

 

 

 

 

 

 

En máis de 80 cidades colombianas, e en máis de 60 cidades no mundo, sen o apoio do corpo diplomático, o día 6 leváronse a cabo moitos protestas. Desde Paris ata Xinebra, desde Melbourne ata Wáshington, desde Londres ata O Cairo, desde Madrid ata Tenerife, o 6 de marzo, con fotografías das vítimas nas súas mans, moitas organizacións, cidadáns, refuxiados e exiliados fixeron un chamado mundial para que en Colombia se poña punto final ao crime de desprazamento forzado, á práctica sistemática das desaparicións e ás execucións selectivas e indiscriminadas.

Catro millóns de persoas desprazadas

En Colombia, preto de catro millóns de persoas foron desprazadas, na súa maioría polos grupos paramilitares. Estes grupos, sós ou en conxunto con membros das Forzas Militares, fixeron desaparecer polo menos a 15.000 persoas e enterráronos en 3.000 fosas comúns. Entre 1982 e 2005, os paramilitares perpetraron máis de 3.500 masacres, e roubaron máis de seis millóns de hectáreas de terra. Desde 2002, o comezo da primeira lexislatura do actual Presidente Álvaro Uribe Vélez, logo da súa suposta “desmobilización”, os paramilitares asasinaron 600 persoas cada ano. Chegaron a “controlar” o 35% dos deputados do Parlamento. Desde 2002 ata o presente, membros do Exército Oficial cometeron máis de 950 execucións extraxudiciais. Tan só en xaneiro de 2008, os paramilitares cometeron 2 masacres, 9 desaparicións forzadas, 8 homicidios, e o Exército cometeu 16 execucións extraxudiciais. En Colombia, axentes do Estado e paramilitares violan os dereitos humanos e cometen crimes de lesa humanidade.

Aínda que o Goberno colombiano intentou minimizar os alcances da mobilización, a sociedade colombiana reclamou a verdadeira dimensión dos crimes que se cometeron neste país andino, un acontecemento que ten unhas profundas implicacións éticas e políticas. Ese debate rompeu co unanimismo que se quere impor desde a doutrina sobre o “terrorismo”. Máis aínda na conxuntura actual que vive o país, e de conflito diplomático entre Ecuador e Venezuela co Colombia.

Algúns erroneamente querían comparar as mobilizacións de onte coas do pasado 4 de febreiro, contra as FARC, coma se se tratase dunha especie de competencia. Non cabe tal comparación. Os actos do 6 de marzo non contaron con recursos económicos nin institucionais comparables cos das marchas de febreiro. E, en cambio, os seus organizadores en Colombia foron obxecto de múltiples ameazas de morte e de criminalización.

“A mobilización do 6 de marzo ten un carácter orixinal”, comenta Iván Cepeda Castro, representante do Movemento Nacional de Vítimas de Crimes de Estado de Colombia que convocou esta iniciativa mundial, “os testemuños dos desprazados, o rostro dos desaparecidos, a biografía dos asasinados.” “Esas imaxes e eses testemuños poden ser parte do antídoto contra un dos grandes males que padece a nosa sociedade: a indiferenza ou o sesgo moral cara aos crimes contra a humanidade”, explica Cepeda, cuxo pai, o Senador Manuel Cepeda Vargas, foi asasinado por oficiais do Exército en 1994.

Milleiros de colombianos marcharon onte polas rúas das principais cidades do país para rexeitaren os crimes de paramilitares de dereita e axentes do Estado, no medio do conflito entre o seu país e Ecuador, Venezuela e agora Nicaragua.

Iván Cepeda afirmou que a marcha ‘foi un éxito contundente’. ‘Foi unha formidable manifestación cidadá que transcorreu de forma totalmente pacífica’, declarou Cepeda. Cepeda insistiu en que a protesta ‘foi unha mensaxe contundente. Fíxose semellante despregamento sen contar recursos económicos, nin co respaldo do goberno e as súas institucións, no medio das súas ameazas no medio dun atentado contra unha organizadora e sen o aparello do Estado colombiano’.

Ademais, celebrouse ‘cun ambiente complexo pola crise nas fronteiras’, puntualizou.

Máis información: http://www.movimientodevictimas.org

_dsc0015.jpg

 

 

 

 

 

 

 

 

_dsc0034.jpg