Greenpeace-en-el-Congreso en sabernatura.comDesde a Asociación ecoloxista VERDEGAIA, queremos amosar a nosa solidariedade cos activistas de Greenpeace, quen escalaron ao alto do Congreso dos Deputados para protestar contra a reforma da Lei de Costas e a destrución e privatización do litoral que esta supón.
 
Os membros de Greenpeace que participaron nesta acción están imputados, na Audiencia Nacional (de agora en diante AN), por un “delito contra as institucións do Estado”, do artigo 493 do Código Penal que di que “os que sen alzarse publicamente, invadieren con forza, violencia ou intimidación a sede do Congreso mentres está en actividade serán castigados con prisión de tres a cinco anos”.

 
Parécenos inaceptábel que estes activistas fosen detidos por exercer o dereito lexítimo e pacífico á liberdade de expresión; inaceptábel que fosen levados ante a AN, herdeira do Tribunal de Orden Público franquista, cando o verdadeiro crime estaba levándose a cabo nese momento dentro do Congreso sacando adiante unha lei que desprotexe totalmente a costa e os intereses públicos para beneficio económico duns cantos políticos e empresarios amigos, as veces, encargados de pagarlle as súas campañas políticas, sobresoldos escandalosos e retiros millonarios.
 
E inaceptábel, parécenos tamén, a existencia da AN e de lexislación onde calquer crítica ás cuestións do Estado é xa obxecto de criminalización. Vivimos un momento no que se xoga a normalizar a excepcionalidade, onde persoas críticas, inconformistas, solidarias contra a inxustiza, implicadas na luita diaria e na defensa dos dereitos da colectividade son perseguidas polo poder. A existencia da AN e destas leis encamiñadas á represión e a condea da disidencia de calquer tipo, son unha restrición intolerábel aos Dereitos Humanos  que se realizan co pretexto de luitar contra o terrorismo e que implican unha intromisión ilexítima do Estado nas liberdades individuais dos cidadáns (Feito denunciado repetidamente por asociacións como Human Rights Watch ou Amnistía Internacional).