No seu décimo aniversario o Parque segue sen aprobar o P.R.U.X. e está a realizar brutais desbroces xa denunciados

LixoO pasado 2 de xullo o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (P.N.M.T.I.A.G.) cumpliu dez anos de idade e non o fixo con boas novas de cara á debida conservación dos ecosistemas que abrangue. De feito, o Parque aínda non aprobou o seu Plano Reitor de Uso e Xestión (P.R.U.X.) incumplindo a súa propia lei de declaración e está a realizar brutais desbroces para supostamente previr os lumes forestais e mellorar o hábitat de especies.

O P.R.U.X. do P.N.M.T.I.A.G. é a ferramenta que ten que ter un espazo natural destas características para delimitar as actividades que se levan a cabo no seu seo. Este documento debía ter sido elaborado no prazo dun ano a partires da aprobación da Lei 15/2002 de 1 de xullo pola que se declara o P.N.M.T.I.A.G. como se recolle na disposición adicional segunda de dita lei. Deste xeito, o P.R.U.X. xa acumula un retraso de máis de nove anos. A este inaceptable retraso hai que sumarlle que o P.R.U.X. estivo a exposición pública e en periodo de alegacións o pasado mes de setembro e xa vai facer un ano dende que Verdegaia e outras entidades apresentamos alegacións ó mesmo.

Por outra banda, os desbroces que se están a levar a cabo no espazo natural tampouco axudan para festexar estos dez anos de Parque Nacional. Trátase de desbroces no borde de pistas mais tamén de xerar grandes superficies sen vexetación “para mellorar o hábitat de especies con poboacións en perigo como son o azor (Accipiter gentilis) e o lagarto arnal (Lacerta lepida)” segundo o propio director conservador do Parque, José Antonio Fernández Bouzas.

DesbrocesEn primeiro lugar, non existe ningún estudo técnico nin plan de recuperación para o azor nin para o lagarto arnal que indique a necesidade deses desbroces, e a única e verdadeira razón para levalos a cabo é para previr os lumes forestais. Resulta lamentable esa xustificación dos desbroces masivos en Hábitats de Interese Comunitario, cando nas illas xa existen medios para a luita contra o lume, coma motobombas e brigadas específicas, e xa hai unha extensa rede de camiños e cortalumes.

As rozas foron levadas a cabo con desbrozadoras de cadeas, o que ocasionou a destrucción dos niños e ovos das especies que crían nos matogueiros (despois de que pasaran as desbrozadoras atopáronse pitos mortos nas pistas), a mortandade doutros vertebrados (réptiles incluídos) e invertebrados, a destrucción da flora autóctona (con numerosas especies endémicas) e provocou graves danos no funcionamento e estrutura dos ecosistemas. Por iso resultan especialmente lamentables as declaracións do director conservador do Parque: “os membros do retén terán un coidado exquisito para non danar os ovos das aves propias dos arquipélagos”.

Ademáis deses danos directos á flora e fauna do Parque, esas rozas se converten nunha vía de entrada de especies alóctonas e favorecen a invasión de especies exóticas como as acacias e a margarida do Cabo, que deste xeito poderían acceder a hábitats prioritarios onde están presentes moitas especies endémicas do noroeste peninsular.

Para máis “inri”, esta actuación non foi só ¿pensada? polo director conservador do Parque (que xa nos ten acostumados á súa lamentable xestión) senón que na toma da decisión participaron o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores; os xefes territoriais de Medio Rural e Medio Ambiente, Gerardo Zugasti e José Luis Díez; e o xefe do Servizo de Lumes, Manuel Francisco Gutiérrez, que demostraron que pouco saben de como levar a cabo este tipo de actuacións nun espazo protexido.

No Parque Nacional se está a levar a cabo unha pésima e contraproducente xestión dende hai anos. Son necesarios cambios drásticos para procurar a conservación dos hábitat naturais, conter e evitar a invasión de especies exóticas invasoras e cumplir os obxectivos de creación dun Parque Nacional.

O despilfarro dos medios económicos do Parque en actuacións destrutivas como as aquí denunciadas, contrasta coa súa escaseza de persoal e de medios, que incluso provocou que, en determinados momentos do mes de xuño, as praias deste espazo protexido estiveran ateigadas de lixo e que o propio persoal do espazo protexido non fora quen de recollelo en varios días.

Por todos estes feitos, Verdegaia solicita que as illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada deixen de ser Parque Nacional se continúan as prácticas destrutivas de manexo que se veñen realizando nos últimos anos. Tamén solicitamos a dimisión do Director do Parque Nacional, pola súa nefasta e neglixente xestión, e a dimisión do Presidente do Padroado. Deste último, enfatizar o sinfin de declaracións que ten feito á prensa en nome do Padroado, sobre temas nos que o Padroado no se ten pronunciado (principalmente porque non se reúne desde hai tempo, infrinxindo tamén á legalidade). En concreto, as rozas das que falamos neste escrito non pasaron pola necesaria información ao Padroado.