pict0041.jpgFronte á Campaña da Dirección Xeral de Tráfico, pola que correrá a cargo dos xuros de ata 1000 euros a 36 meses, para que as persoas de entre 17 e 25 anos poidan sacarse o carné de conducir. Verdegaia solicitou a este organismo que, polo mesmo custo, regale bicicletas como medio transporte non agresivo, saudable e respectuoso co medio ambiente.

É evidente que ao facilitar o permiso de conducir vehículos a motor entre a poboación máis nova, estase fomentando o modelo insutentábel do uso indiscriminado do coche, que só contribuirá a agravar o efecto invernadoiro e polo tanto o Cambio Climático.

Doutra banda, é un feito constatado o crecemento porcentual dos accidentes provocados por condutores máis mozos, polo que facilitar e incentivar o uso masivo do automóbil mediante o financiamento do permiso de conducir, incrementará o número de condutores de curta idade nas nosas estradas, con efectos negativos sobre a Seguridade Vial. Así mesmo, salientar o dato alarmante de que a primeira causa de morte entre os menores de 30 anos é a Violencia Vial.

No editorial da revista "Tráfico e Seguridade Vial" nº 184 (maio-xuño de 2007), editada pola DGT, afírmase: "Sociólogos, psicólogos e outros profesionais analizaron a sinistralidade dos mozos cos coches, que supoñen máis do 30% das vítimas mortais, malia ser só o 20% dos condutores. Din os profesionais que eles sobrevaloran as súas habilidades, infravaloran os riscos, son competitivos, exhibicionistas, amantes do risco, das emocións…"

Nesta mesma revista da DGT, no artigo "Jovenes e Accidentes" apórtanse datos do Instituto Nacional de Estatística como: "os accidentes de tráfico son a primeira causa (33%) de morte nese tramo de idade (referíndose a mozos entre 15 e 29 anos), por riba de apartados como tumores (11%). Sen esquecer os case 900 mozos que, cada ano, quedan incapacitados polas lesións sufridas, segundo o doutor Juan Vidal, xefe da Unidade de Lesións Medulares do Instituto Guttman". Outras afirmacións moi relevantes aportadas neste artigo son: "A fundación RACC estima que, durante o primeiro ano de permiso de condución, a probabilidade de ter un accidente é ata cinco veces superior"….."Luis Montoro, catedrático de Seguridade Vial, indica: Os mozos conducen como viven e a súa forma natural de vivir é máis agresiva, máis competitiva, máis exhibicionista, máis amante do risco …. lamentablemente algúns as trasladan aos vehículos. Alí espera o accidente." …. "Os sociólogos Víctor Pérez e J. Carlos Rodríguez, engaden que os mozos adoitan infravalorar o risco persoal que corren e sobreestimar as súas habilidades condutoras. Sobre todo cando van en grupo. É o momento de mostrar as súas habilidades. Por iso son máis fáciles os accidente de mozos con vehículos de alta ocupación".

Por todo iso, en Verdegaia, no contexto do interese xeral (fóra de itereses demagóxicos e puramente electoralistas), non podemos comprender esta Campaña iniciada pola Dirección Xeral de Tráfico (Ministerio do Interior), financiando o permiso de conducir coches.

Pola contra, solicitamos á Dirección Xeral de Tráfico que, polo mesmo custo, regale bicicletas para usalas como medio de transporte saudable e respectuoso co medio ambiente. Medida que contribuiría tanto a reducir as emisións de CO2 como a reducir os niveis de sinistralidade nas vías públicas.