A asociación ecoloxista Verdegaia solicita ao Concello de Vigo un maior e mellor aproveitamento dos recursos derivados do denominado Plan E II, para fins medio ambientais, en consoancia cos criterios que o propio texto do plan establece. Neste sentido, solicitamos ao Concello información sobre as aplicacións ambientais que se pretende dar aos 32 millóns de euros de investimento estatal previsto para o 2010 e aínda non obtivemos resposta.

Asimesmo temos instado ao Concello a tomar medidas nalgúns aspectos concretos:

  • aforro enerxético e emprego de enerxías renovables en edificios e servizos públicos municipais;
  • a construción dunha rede de carrís bici que permitan o emprego seguro deste medio de transporte;
  • a dotación ao municipio dun punto limpo para a recollida e tratamento de residuos,
  • así como un punto verde adicado específicamente á recollida e tratamento mediante compostaxe dos residuos orgánicos particulares e públicos (restos de podas, etc).

A cidade de Vigo exerce actualmente, na persoa do seu Alcalde, a presidencia da Rede de Cidades Españolas polo Clima. Esta rede establece como requisito a aceptación da declaración Aalborg + 10, emanada da IV Conferencia Internacional de Cidades Sostibles. Está Vigo á altura deste papel?

A carencia de carrís bici na cidade de Vigo, por citar un exemplo, contradice as recomendacións de carácter xeral da devandita declaración, ademáis das recomendacións especificamente centradas no transporte urbano como as da Estratexia Española de Mobilidade Sostible ou as emanadas de numerosos informes da UE. Temos que recordar que as emisións de CO2 equivalentes provocadas polo transporte rondan o 25% das emisións totais de gases de efecto invernadoiro no Estado, das que un 40% aproximadamente serían atribuíbles ao tráfico urbano.

Existe xa un informe do Valedor do Cidadán do 2006 sobre rutas para bicicletas en Vigo que podería ser empregado como documento de partida para trazar un mapa daquelas rutas máis viables para uso ciclista. Incluso o propio Alcalde tense comprometido a levar adiante proxectos neste sentido, non só o do malogrado carril a Baiona, senón tamén carrís urbanos. Así llo manifestou ao Movemento Clima no ano 2007. Ademais disto, o día 26 de decembro de 2006 o Concello anunciou públicamente a sinatura dun convenio co Instituto Enerxético de Galicia, polo que se implantaría na primavera de 2007 un sistema de préstamo de bicicletas na cidade. No marco do antedito convenio, o INEGA concedeulle unha subvención de 140.000€ para este motivo, mentras que o Concello se comprometía á compra dun mínimo de 100 bicicletas. A decembro de 2009 seguimos sen ter noticias sobre a posta en práctica deste proxecto.

Ao respecto da carencia dun punto limpo na cidade, o Plan Nacional Integrado de Residuos para o período 2008-2015 establece que todas as poboacións de máis de 5.000 habitantes deberían contar cunha instalación deste tipo antes do 2010. Igualmente neste caso existen compromisos previos a nivel local. En pleno do 25/10/2004 todos os grupos políticos aprobaron por unanimidade instar á Xunta de Galicia a levar adiante a construción dun punto limpo en Vigo, así como esixir da empresa concesionaria a posta en marcha dun punto limpo móbil e a recollida separada de residuos orgánicos. No 2006 dende o Concello manifestábase que en lugar de un, dotaríase á cidade de oito puntos limpos, que estarían incluídos no PXOM. A día de hoxe Vigo, a cidade máis grande de Galicia, é unhas das poucas cidades galegas que carece desta instalación básica de recollida e procesamento dos residuos urbanos. Tampouco se está a aproveitar o potencial enerxético derivado da recollida selectiva e compostaxe dos residuos orgánicos, aínda sendo esta unha das formas de valorización proposta pola normativa estatal e comunitaria (Directiva 2008/98/CE).

Verdegaia quere deixar claro que estas carencias en materia de mobilidade e residuos incumplen todas as recomendacións galegas, estatais ou internacionais sobre estas cuestións, e impiden á cidadanía unha actuación máis responsable, converténdose o Concello nun lastre para a mellora da relación da cidadanía co seu medio ambiente. Quizais non sexa casualidade que a cidade de Vigo non aporte ningún exemplo de boas prácticas medio ambientais na páxina web da Rede de Cidades Españolas polo Clima. Como modelo dunha medida proactiva, que supoña cambios a medio e longo prazo e non simplemente circunstanciais, temos aportado ao Concello un proxecto de educación ambiental baseado no emprego de hortas urbans. Son moitas as posibilidades que se abren se pasamos do plano do mero discurso ao das realizacións.

Supoñemos sincera a preocupación manifestada recentemente polo Alcalde, como presidente desta rede de cidades, abordando o papel e responsabilidade que os poderes locais teñen ante o cambio climático. Agardamos polo tanto do goberno local unha actuación responsable en relación ao medio ambiente promovendo políticas de mobilidade sustentábel, aforro enerxético e redución de residuos, que ademais anime e facilite a asunción de boas prácticas ambientais por parte da cidadanía. A xustificación histórica do caótico crecemento de Vigo no século XX non debe servir para agochar as responsabilidades que os poderes locais teñen no Vigo do século XXI e na configuración do seu entorno e o seu futuro. As oportunidades de financiamento actuais deberían facer realidade esa vontade que os poderes locais afirman nos seus discursos de acadar unha cidade que non sexa parte do problema senón da solución ás cuestións medio ambientais.