Galiza debe ser pensada territorialmente no seu conxunto, desde unha perspectiva de ordenamento integral do territorio onde se definan criterios para a correcta protección do medio natural. Este proceso de reflexión débese facer colectivamente, implicando á cidadanía, non sen tela en conta para nada durante toda a fase de elaboración. Pensamos que unha verdadeira participación democrática non consiste só en que os cidadáns formulen suxestións e alegacións nos períodos de consultas, senón en que se corresponsabilicen no proceso de decisións e para isto tería sido necesario poder debater o plan ao longo de todo o seu proceso de elaboración.

Entendemos que este proceso de reflexión e posterior lexislación débese desenvolver xerarquicamente, indo do máis amplo ao máis concreto, regulando progresivamente aqueles aspectos que sexan necesarios. Mais a actual administración fai exactamente o contrario: ten en marcha a aprobación das Directrices do Territorio en paralelo a este POL que a súa vez terá que adaptarse ao aprobado xa no Plan Galego de Acuicultura que regala nada menos que 3,5 millóns de m2 de litoral ás empresas acuícolas. Tamén ven de aprobarse a cuarta reforma da Lei do Solo nos seus sete anos de vixencia, texto que vai permitir regularizar as construcións levantadas sen licencia antes do ano 2003 aínda que estean en zona de protección de costas ou de espazos naturais o que supón a legalización de vivendas, naves e outras edificacións executadas en infracción da lei de Costas e levantadas ilegalmente en primeira liña de praia.

Denunciamos tamén que é un plan insostible e incompatible cunha protección real da nosa costa. Trátase dun xeito de entender mercantilista e privatizador de deseñar o territorio sen ter en conta o coidado e conservación do mesmo. O modelo que se nos presenta provocaría graves efectos tanto no noso patrimonio natural como cultural, entendendo que é un modelo que implica a expansión urbana sobre o rural e a presión sobre os espazos a protexer coa conseguinte desnaturalización da costa galega.

Solicitamos a protección real de todos os humedais, incluidos os espazos naturais e humedais de interés local; unha verdadeira protección dos corredores fluviais; o establecemento dun plan de actuación sobre os escasos bosques costeiros que aínda se conservan prestándolle especial atención á presencia de especies invasoras; a criación dunha rede de espazos mariños protexidos; esiximos protección real para as praias e os ecosistemas dunares e o resto de espazos protexidos, atendendo a criterios ambientais e non especulativos que garanta a súa conservación a longo prazo e que permita a recuperación das zonas costeiras degradadas. Solicitamos unha menor ambiguedade e maior rigurosidade e concreción no referido á ordenación de novos crecementos e á regulación de actividades susceptibles de produciren unha transformación significativa do territorio e que nas zonas que teñan un valor ambiental, cultural ou paisaxístico a protexer non se permitan este tipo de actuaciòns.

O modelo de POL que precisamos non é este. Precisamos un modelo cuxo eixo central sexa o respecto ao medio mariño e terrestre e que asegure a supervivencia dos nosos sectores produtivos tradicionais e a vital soberanía alimentar. Un modelo que basee as súas expectativas na realidade poboacional do noso país non na realidade estacional turística. Un modelo en definitiva que entendera a conservación como a base da construción dun futuro sostible para o noso territorio para o que o primeiro paso sería manter a franxa de protección do litoral de 500 m establecida pola lei 6/2007 de 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia.

Polo tanto, Verdegaia solicita a retirada do presente Plan de Ordenación do Litoral e a elaboración dun novo POL, racional e sustentable, elaborado con verdadeira participación democrática.