Verdegaia-Ourense entregou hoxe cartas a todos os/as alcaldes/esas dos concellos da comarca de Ourense solicitándolles que promovan a declaración dos seus respectivos municipios como zonas libres de transxénicos, seguindo o exemplo de milleiros de concellos do resto de Europa. 

Con este xesto, amosarían inequivocamente o seu rexeitamento á introdución de transxénicos na agricultura e na alimentación, que está a acontecer sen suficientes garantías ambientais e sanitarias. Ata agora non se autorizaron cultivos de transxénicos na comarca de Ourense, pero si noutros sitios como Arteixo, Val do Dubra, etc.

Facemos coincidir esta entrega coa presentación oficial da Plataforma galega Antitransxénicos, da que forma parte Verdegaia e porque o 8 de abril é o Día Internacional contra os transxénicos.

Os cultivos transxénicos son unha realidade en España desde 1998, sendo hoxe o principal estado produtor da Unión Europea (UE). Segundo datos difundidos por EuropaBio, a asociación das empresas europeas de biotecnoloxías, no ano 2007 sementáronse en España 75.148 hectáreas con cultivos transxénicos, en concreto de millo MON 810. No ano pasado, só se cultivaron transxénicos en oito estados da UE, situándose en España cerca do 70% de toda a superificie cultivada. Recentemente, o Goberno de Francia estableceu unha moratoria sobre o millo transxénico MON 810 perante novas evidencias científicas sobre os seus riscos.

Existen aínda demasiadas dúbidas sobre o efecto da diseminación de transxénicos sobre o ambiente e a saúde humana, como para garantir unha liberación de transxénicos segura. A normativa europea e os controis exercidos polo Estado español resultan insuficientes para asegurar unha liberación sen riscos significativos, a xuízo de moitas organizacións e especialistas. Aínda que non temos coñecemento da existencia de cultivos comerciais de millo transxénico na comarca de Compostela, Verdegaia coida que é importante que todos os Concellos expresen claramente o seu rexeitamento aos transxénicos, como xa fixeron até agora no resto de España máis de 50 concellos, entre eles os de Vitoria, Albacete e Palencia.

Entre os riscos dos Organismos Modificados Xeneticamente (OMX) sobre a saúde dous son especialmente relevantes no debate científico e están no centro da polémica: a aparición de novas alerxias e a creación de novas resistencias a antibióticos. Por outro lado, non se sabe moito sobre os efectos indirectos ou sobre os efectos a longo prazo da liberación de OMX sobre a agricultura e o medio ambiente, se ben os poucos datos coñecidos non son moi alentadores. Trátase ademais dunha tecnoloxía practicamente imposible de controlar. Non menos importante é o feito de que os OMX tornan aos labregos e labregas máis dependentes das multinacionais agroalimentarias. Os OMX non representan un contributo nin para unha agricultura sustentable nin para unha alimentación saúdable e a súa introdución é o resultado da presión das poderosas empresas agroalimentarias que os comercializan.

As numerosas declaracións de zonas libres de transxénicos por parte de institucións subestatais son unha expresión da resistencia á introdución dos transxénicos en Europa. Máis de 170 rexións ou países e milleiros de concellos declararáronse xa zonas libres de transxénicos en toda Europa.