Estado actual da instalación sobre o regato de Listres.

Verdegaia vén de enviar un escrito á Demarcación de Costas, solicitando unha solución para o estado no que se atopa o regato de Listres, entre Castiñeiras e Aguiño (concello de Ribeira).

O regato, que é estacional (no verán con frecuencia baixa seco) e presenta desembocadura de curso variable, desembocaba anteriormente na praia despois de facer un percorrido de meandros cambiante, adaptándose á estrutura do areal. Así foi ata que, en 2015, desde esa Demarcación de Costas decidiron modificar a desembocadura, e forzar a súa saída en liña recta, para o que se instalou unha cerca de madeira de gran altura, ademais de acumular area a ambos lados da cerca, ata chegar practicamente á altura da mesma por ambos lados.

Como resultado desa intervención, o regato queda frecuentemente estancado na zona alta da praia. Un problema que se ve progresivamente agudizado polo deterioro paulatino da citada instalación, que nestes momentos atópase xa semiderruída, con gran parte da estrutura tirada sobre a canle do regato, como se pode apreciar nas imaxes.

A situación vese agravada, ademais, polos vertidos periódicos que se producen no regato desde a posta en funcionamento, en agosto de 2016, da EDAR de Ribeira, pois o aliviadoiro do Tanque de Tormentas dos Areeiros vai dar ao regato de Listres.

Tanto o proxecto da EDAR como a autorización de vertido emitida por Augas de Galicia, contemplan un vertido anual desde ese tanque dunha media de 17.862 metros cúbicos (media que pode verse aumentada en realidade, xa que non se impoñen limitacións de caudal aos aliviadoiros) ao regato de Listres. Este está situado sobre a praia de “Catía-Castro”, que, ademais de ser unha zona de baño habitual, está próxima aos bancos marisqueiros AR-210, AR-211 e AR-198, estando ademais en contacto cos bancos AR-199 e AR-197. Está ademais a poucos metros do importante polígono bateeiro 26-AROUSA “Ribeira B”, que destaca precisamente por ser un dos máis produtivos e de maior calidade de toda a ría de Arousa.

Neste momento, ao estarmos en temporada seca, o regato baixa con pouca auga, e queda só unha poza de auga estancada e fedorenta a medio camiño entre a zona de saída do alivio do tanque de tormentas e o tramo final xa na praia.

Descoñecemos cales son os criterios técnicos que se manexaron para insistir en modificar o curso do regato, unha intervención que desde o sentido común non parece moi acaida.

Desde Verdegaia solicitamos que se faga un novo estudio da zona, e que se leven a cabo as medidas necesarias para restituír o regato de Listres á súa situación orixinal, e, en todo caso, garantindo que as súas augas vaian dar ao mar e non se produzan estancamentos, cos problemas que diso se derivan.

Non é a primeira vez que nos diriximos a este organismo por este motivo, sen que ata o momento se dese resposta de ningún tipo aos nosos escritos, nin se albisque unha posible solución ao problema.