Verdegaia vén de se sumar á organización que fomenta o sistema internacional de certificación forestal logo_fsc.jpgsostible FSC (Forest Stewardship Council) en España. Verdegaia apoia os Principios e Criterios de xestión forestal promovidos polo selo FSC, que pretende ser unha garantía de sostibilidade para os consumidores de produtos forestais. Porén, algunhas certificacións inadecuadas, como a concedida a NORFOR (Grupo ENCE) en Galicia, ameazan a credibilidade deste selo e aconsellan unha reforma do sistema FSC.

O FSC (Forest Stewardship Council ou Consello de Administración Forestal) é unha organización non gobernamental sen ánimo de lucro creada en 1993, co obxectivo de promover unha xestión forestal ambientalmente responsable, socialmente beneficiosa e economicamente viable nos bosques de todo o mundo. Está integrada por tres cámaras (ambiental, social e económica), con igual peso na toma de decisións cada unha delas. A asociación FSC España non decide sobre a concesión ou non do selo FSC, dedicándose a fomentalo entre empresas, administracións e cidadanía e a establecer, a partir dos Principios e Criterios, os estándares a aplicar en territorio español. Verdegaia tamén integra a asemblea do Grupo Galego de Apoio á Certificación Forestal FSC, ligado a FSC España. O obxectivo de Verdegaia é unirse aos esforzos doutras organizacións ecoloxistas que están traballando dentro de FSC para a súa mellora. No proceso de creación de FSC, a comezos dos anos 90, xogou un papel moi importante o movemento ecoloxista.

A certificación forestal FSC é un proceso de avaliación ao que se somete de forma voluntaria un monte (ou unha cadea industrial de produción), realizado por unha terceira parte independente (unha entidade auditora acreditada por FSC), que verifica que a xestión forestal cumpre cunhas normas determinadas, os Principios e Criterios do FSC.

O selo FSC é apoiado pola maioría das principais organizacións ecoloxistas (Ecologistas en Acción, Greenpeace, WWF,…), que reclaman unha mellora do sistema para prevenir e suspender con axilidade certificacións inadecuadas. Hai certificacións que foron obxecto de reclamacións, téndose resolvido xa algunhas queixas de xeito favorable, como por exemplo a presentada por Greenpeace contra a auditora Bureau Veritas por certificar á empresa Wijma en Camerún. Por outro lado, está aberto un proceso dentro de FSC para revisar o Principio 10, o relativo ás plantacións forestais.

PEFC fronte a FSC

O outro sistema de certificación forestal implantado en Galicia, o PEFC (Programme for the Endorsement of Forest Certification schemes), non é apoiado polas organizacións ecoloxistas, ao se tratar dun sistema moi pouco esixente e crible. Foi impulsado na nosa terra por industrias e asociacións de propietarios de montes como Silvanus e a Asociación Forestal de Galicia, tratándose do único sistema respaldado de feito pola Xunta até agora. Os montes xestionados pola Dirección Xeral de Montes foron certificados baixo o selo PEFC, constituíndo a maioría dos certificados en Galicia por PEFC. Porén, a Xunta non solicitou até agora o selo FSC e na súa web sobre certificación, a Consellería do Medio Rural mesmo ignora o sistema FSC.

O caso das plantacións de NORFOR

NORFOR é unha empresa forestal do Grupo ENCE que xestiona perto de 10.000 hectáreas (has) de montes en Galicia, cobertos case na súa totalidade por eucaliptais (en Galicia hai unhas 175.000 has de eucaliptais puros). A maioría dos montes nos que actúa NORFOR son alugados a comunidades veciñais, sendo unha pequena parte da súa propiedade.

NORFOR obtivo o selo FSC para a xestión en grupo das súas plantacións en Galicia, Asturias e Cantabria en outubro de 2004, logo dunha auditoría realizada pola empresa SGS, auditora acreditada por FSC. Nas ligazóns incluídas máis abaixo podes acceder ao resumo público das auditorías feitas até agora a NORFOR. Perante diversos incumprimentos de criterios de FSC, a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) e Greenpeace presentaron senllas queixas que poderían levar á suspensión da certificación. As plantacións de eucalipto xestionadas por NORFOR non se poden considerar hoxe un exemplo de sostibilidade, polo que non merecen o selo FSC. O ASI (Accreditation Services International), entidade que avalía reclamacións ao respecto de FSC, vai revisar proximamente o labor da auditora que certificou a NORFOR.

A certificación forestal FSC posibilita e require da participación da cidadanía para a garantía de credibilidade e de transparencia do proceso. Por iso, se coñeces algún exemplo de mala xestión forestal por parte dunha entidade certificada –na actualidade, en Galicia só o está NORFOR-, animámoste a que nolo fagas saber.

A certificación FSC é un instrumento de mercado que pode contribuír ao aproveitamento sustentable dos montes, en Galicia e en todo o mundo. Porén, é moito máis importante que as Administracións públicas, nomeadamente a Xunta, promovan políticas de xestión sostible, en particular no que se refire ao ordenamento das plantacións de eucalipto, cuxa expansión incontrolada ten provocado importantes impactos ambientais en Galicia.


Máis información:

FSC-España

Operacións certificadas en España (NORFOR e outras)

Web da APDR sobre NORFOR 

ASI