Verdegaia ven de presentar alegacións diante da Dirección Xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos nas que rexeita o devandito plano polos seus graves impactos ambientais e porque aposta por unha xeito de entender a acuicultura afastada do que debera ser unha xestión sustentábel do litoral e dos seus recursos mariños.

No documento de alegacións Verdegaia propón a non realización de novas instalacións, permitindo exclusivamente a modernización das actuais que deberían ter como principais obxectivos a mellora da calidade dos produtos, o tratamento eficaz dos efluentes, a integración das instalacións no contorno natural, ademais do traslado daquelas piscifactorías que afecten aos espazos naturais protexidos ou susceptíbeis de protección Esta medida podería aplicarse unha vez caducada a concesión de ocupación do Dominio Público Marítimo Terrestre (D.P.M.T.) e da Zona de Servidume de Protección (Z.S.P.) que legalmente dispoñan as instalacións, non permitindo a sua renovación. As instalacións acuícolas xa existentes denominadas “Meiras” (Valdoviño), “Quilmas” (Carnota), “Lira” (Carnota), “Seráns” (Porto do Son), “Couso-Aguiño” (Ribeira), “Ardía” (O Grove), “Bico da Ran” (O Grove), entre outras, non só se debería evitar a sua ampliación senón que, ademais, debería procederse ao traslado das mesmas por afectar tanto directa como indirectamente a diferentes espazos integrados na Rede Natura 2000.

Unha política sustentábel para o litoral e a seguridade alimentaria esixen investir esforzos e diñeiro na recuperación de caladoiros, no saneamento integral das rias, na creación de reservas mariñas (como a de Lira, Carnota); que son en realidade os verdadeiros criadeiros naturais de peixes e doutros organismos mariños de interese comercial e científico (o que non quita que se poda levar a cabo a acuicultura tradicional como medida complementaria) que pretender inzar a costa galega de novas e maiores granxas acuícolas para producir a grande escala e de xeito artificial determinadas especies mariñas co pretexto de que Galicia siga liderando o sector cando, en realidade, o que verdadeiramente se pretende co devandito plan é que determinadas empresas multinacionais, punteiras no sector da pesca e da acuicultura (Pescanova, Stolt Sea Farm, etc.) obteñan grandes beneficios económicos a expensas de ocupar e degradar o noso litoral, ademáis de hipotecar a saude dos/as consumidores/as con produtos de cuestionada calidade.

N