acuicultura cabo vilanO Plan Director de Acuicultura do Litoral (PDAL) privatiza a costa de facto, declarando a actividade acuícola de utilidade pública e interese social, e posibilitándolles ás empresas apropiarse da costa case gratuitamente mediante a figura da expropiación forzosa. Tamén se posibilita a instalación de plantas acuícolas en zonas de protección, incluída a Rede Natura.

Poi isto e por moitas outras razóns, Verdegaia vén de presentar diante da Consellería do Mar a súa análise crítica do PDAL e os documentos que o acompañan, que marca moi claramente a política que se debe seguir dentro do sector da acuicultura, que xa fora perfilada previamente no Documento de Inicio de Avaliación Ambiental Estratéxica redactado a medias polas grandes empresas e pola administración Feijoo: portas abertas sen ningún tipo de contención ás piscifactorías industriais en terreos con distintas figuras de protección, tanto públicos como privados, e nula protección ambiental.

A costa galega abrangue uns 1.498 km de lonxitude, por volta dun 35% do litoral que constitúen praias e areais. O noso litoral conta cunha grande riqueza paisaxística, biolóxica e etnográfica, que fan deste espazo algo moi singular que require unha protección especial. Porén, Galiza está a sofrer un proceso de degradación continuo e descontrolado. Este Plan Director, mais ben panfleto propagandístico ao servizo dos intereses do sector, non vén acompañado de ningún estudo enmarcado na realidade económica, social e ambiental deste país nin, obviamente, da xustificación real da súa rendibilidade económica, que fundamente a alternativa escollida pola administración.

Non se abordan os impactos ambientais que supón este tipo de factorías industriais. Comunidades agrarias e pesqueiras sufrirán a intrusión nas súas terras deste tipo de actividade e o saqueo dos seus recursos hídricos e terrestres. Os criadeiros acuícolas comprenden enormes tanques ou estanques construídos en terreos preto do mar, e eses tanques aos que se lles bombea auga de mar e auga subterránea liberan no mar e nos terreos circundantes efluentes con alto contido en materia orgánica, patóxenos, especies alóctonas que poden dar lugar á biocontaminación e á desaparición das especies locais, substancias tóxicas como antibióticos ou outros compostos químicos contaminantes que supoñen un enorme risco. A auga salgada dos estanques é filtrada pola auga subterránea prexudicando a auga potable e as terras de cultivo dos arredores.

Non se aborda tampouco o impacto sobre os recursos mariños pola sobrepesca resultado da fabricación de pensos, nen o desbaldimento de diñeiro público en subvencións a empresas coa desculpa da creación de postos de traballo cando é contrastábel que esta é moi baixa comparado co tecido que destrúe, como a pesca e o marisqueo tradicional.

Continúase coas mesmas premisas erróneas, moi amplificadas respecto dos anteriores plans -2005 de López Veiga e 2008 de Carmen Gallego- , óbviase a poboación e a realidade socioeconómica e planifícase exclusivamente co obxecto de que as empresas incrementen a produción e os beneficios, non coas miras postas na conservación e na protección do País e das súas xentes.

Alegacións de Verdegaia ao PDAL