Verdegaia rexeita o proxecto de dragado de area na Enseada de Esteiro para rexenerar a praia urbana de Cedeira por afectar ao LIC Costa Ártabra. O areal de Vilarrube (LIC Costa Ártabra) tamén se vería afectado pola construción dunha pista de aceso para trasladar os áridos. Por outra banda, a medida adoptada no proxecto para recuperar a area da praia de Cedeira non solucionaría definitivamente o problema de regresión desta, dado que habería que realizar aportes periódicos de area. Debido a que o porto pesqueiro é o principal causante da perda de area na devandita praia, demándase que se modifique o seu dique de abrigo para corrixir a sua incidencia sobre as correntes mariñas. 

En relación ao Proxecto de Trasvase de Áridos no Contorno da Ría de Cedeira, promovido pola Demarcación de Costas do Estado en Galicia, a asociación ecoloxista Verdegaia informa que vén de formular alegacións tanto ao propio proxecto como ao seu Estudo de Impacto Ambiental Nas alegacións, Verdegaia manifesta o seu acordo coa necesidade de rexenerar a Praia de Cedeira ou da Magdalena, mais móstrase totalmente contraria a que os máis de 350.000 m3 de area que se precisarían para a recuperación da devandita praia urbana se extraian da Enseada de Esteiro, polo impacto ambiental que ocasionarían as obras de dragado neste enclave protexido. Ademáis, o areal de Vilarrube tamén se vería afectado polas operacións de dragado, dado que se prevé a construción dunha pista de terra a través do sistema dunar para permitir o aceso da maquinaria pesada e dos camións que transportarían a area a través da estrada C-646.

Nas alegacións advertiuse que tanto a Enseada de Esteiro como o areal de Vilarrube forman parte do LIC Costa Ártabra (Rede Natura 2000) e que parte dos hábitats naturais e das especies de interese comunitario que motivaron a súa proteción se verían afectados polo proxecto. Resulta paradoxal que se pretenda rexenerar unha praia urbana a costa de sacrificar unha marisma incluida na Rede Natura 2000 e que un dos organismos encargados de velar pola salvagarda destes espazos naturais, neste caso o Ministerio de Medio Ambiente (a través da Demarcación de Costas), sexa o promotor deste tipo de proxectos claramente incompatibeis coa súa conservación. Tamén se advertiu que, como consecuencia dos dragados que se pretenden levar a cabo na Marisma de Esteiro, a dinámica fluvial do interior da enseada podería verse modificada a consecuencia da desaparición dun amplo horizonte do leito mariño e como resultado, chegar incluso a desestabilizar a frecha dunar da praia de Vilarrube nun corto espazo de tempo. Asimesmo, outros hábitats naturais de interese comunitario existentes no interior da Enseada que nun principio non resultarían directamente afectados polas operacións de dragado poderían, nembargantes, verse alterados ante un posibel cambio na dinámica fluvial, podendo chegar nalgúns casos a desapareceren.

Ademáis, a solución plantexada no proxecto para rexenerar a Praia de Cedeira ou da Magdalena, denominada "Realimentación periódica da praia", non solucionaría definitivamente o problema, tal e como se recoñece no Estudo de Impacto Ambiental. Todo parece indicar que a orixe da desaparición da area é debido á existencia do porto pesqueiro e ás sucesivas ampliacións do mesmo ao longo do tempo. Verdegaia tampouco é partidaria das outras duas alternativas plantexadas: "Espigón lateral de apoio" e "Obra de abrigo frontal", ao conlevar tanto a construción de diques como a extracción de importantes cantidades de area na Marisma de Esteiro. Resulta sorprendente que, coñecendo as causas reais que están a provocar a perda de area na praia de Cedeira, se recurra a unha medida que só solucionaría temporalmente o problema e que, polo contrario, ocasionaría un perxuizo ambiental no LIC Costa Ártabra. Desde Verdegaia demandamos que se estude a posibilidade de modificar o dique de abrigo das instalacións portuarias existentes co obxecto de corrixir a súa incidencia sobre os aportes de áridos á Praia da Magdalena.