A asociación ecopacifista Verdegaia quere amosar a súa máis enérxica repulsa ante os acontecementos acaecidos nesta madrugada en augas internacionais do Mar Mediterráneo, cando unha flota de seis buques con 750 persoas de diferentes rexións do mundo e nacionalidades se dispuña a levar axuda humanitaria ao pobo palestino: a flota pola liberdade foi asaltada a sangue e fogo por tropas do exército israelí.

É inadmisible que aínda non coñezamos nin o número exacto de vítimas (fálase de decenas entre mortos e feridos) nin que está a pasar ca flota pola liberdade.

O de hoxe foi un ataque:

  • contra o pacifismo pois as persoas a bordo dos buques ían en misión de paz.
  • contra as misión internacionais de axuda humanitaria, pois os buques só portaban víveres, medicinas, materiais para a reconstrución de Gaza e persoas de boa vontade.
  • contra a liberdade de expresión, pois a flota pola paz quería dar a coñecer o que está a acontecer ao pobo palestino, e Israel segue a manter o bloqueo informativo ao que aconteceu esta madrugada e ao que está a acontecer nestes momentos.
  • contra a liberdade dos mares, pois o ataque tivo lugar fora das augas de Palestina e Israel
  • contra os territorios onde estaban abandeirados os buque (Turquía entre outros), se temos en conta os principios de extraterritorialidade das naves e a liberdade de navegación en alta mar
  • e sobre todo foi o enésimo ataque contra o pobo palestino.

Por todo isto esiximos ao goberno español que tome medidas inmediatas e contundentes de resposta ante este masacre cometido contra a misión humanitaria e pacífica da "Flota da Liberdade" de forma que supoña un ponto e aparte nas relacións entre o Estado español e o israelí así como o total rexeitamento dos feitos. Esiximos tamén que como presidente de quenda da Unión Europea, José Luís Rodríguez Zapatero convoque aos demais gobernos para que se adopten medidas conxuntas e inequívocas para que dunha vez por todas quede restituída a legalidade nos territorios palestinos.

Verdegaia apoia as concentracións e manifestacións nonviolentas convocadas en repulsa desta nova agresión militar israelí , e convida á cidadanía galega a as secundar.

Concentracións Terza-feira 1 de Xuño ás 20:30 horas:

  • A Coruña: Obelisco
  • Santiago de Compostela: Praza do Toural
  • Ferrol: Diante do edificio da Xunta de Galicia
  • Pontevedra: Praza da Peregrina
  • Vigo: MARCO