Verdegaia vén de formular alegacións ao proxecto do establecemento e documentación complementaria para a tramitación da concesión de actividade, ao proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e ao estudo de impacto ambiental para a posta en funcionamento e explotación da granxa mariña de engorda de peixes planos na Costa Galloufa – Porto do Son (A Coruña).

En primeiro lugar, Verdegaia denuncia a tramitación deste proxecto á marxe do Plan Sectorial dos Parques de Tecnoloxía Alimentaria na Costa Galega, actualmente en revisión. Este proceder desvirtua os obxectivos do plano, tais como “ordenar territorialmente a costa galega para o uso acuícola, delimitando aquelas zonas que reúnan as mellores condicións para esta actividade, evitando así a aparición de instalacións dispersas pola costa galega de xeito non planificado”.

En segundo lugar, rexeita a cualificación do proxecto como de incidencia supramunicipal, posto que non se axusta aos criterios sinalados no artigo 4 do Decreto 80/2000, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal dado que: non produce efectos positivos para o ambiente, a paisaxe rural ou para o patrimonio cultural, senón todo o contrario; non contribuirá, de xeito significativo, ao desenvolvemento sostíbel social e económico de Galicia, entre outras razóns, pola escasa creación de postos de traballo debido á automatización deste tipo de instalacións; non cumpre unha función vertebradora ou estruturante do territorio e aséntase nun só Concello, o de Porto do Son.

En terceiro lugar, Verdegaia sinala os importantes impactos ambientais que suporía a súa construción. Entre estes impactos, salienta o paisaxístico (fica a 300 m do castro de Baroña) e a contaminación, xa que este tipo de instalacións carecen de sistemas de depuración eficaces, dada a importante cantidade de materia orgánica que se xeraría na granxa de peixes planos, mesturada con produtos químicos (antibióticos, etc.) destinados ao tratamento sanitario dos peixes, elementos que rematan no mar. Así mesmo, a zona afectada pola piscifactoría está cualificada como Solo Rústico de Protección de Costas e Solo Rústico Común en aplicación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, que permite calquera uso sempre que no supoña a transformación de súa natureza rústica e quede garantida a integridade dos valores obxecto de protección.

Por último, Verdegaia chama a atención sobre o feito que se recolleron máis de 3.000 sinaturas de veciños e veciñas opóndose a sú instalación, entendendo que ante un rexeitamento social desta envergadura cómpre rexeitar o proxecto.

pdf Consulta as alegacións completas