Verdegaia vén de apresentar recurso de alzada contra a resolución da consellaría da Industria que dá autorización previa á Planta Satélite Regaseificadora de Gas Natural en Ribeira. A resolución foi publicada varios meses despois de se ter cumprido o prazo ordinario e incluía unhas torpes respostas ás alegacións formuladas por Verdegaia había máis dun ano.

A planta preténdese xustificar como un sistema provisional para levar o gas a Ribeira no entanto non estea operativo o gasoduto da Barbanza. Nós temémonos que pretendan colarnos unha planta provisional “para sempre”, pois a xustificación non se sostén cando o proxecto do gasoduto está xa en trámites desde hai un ano, e aínda hai poucos días que comezaron as obras da rede municipal de distribuición. É moi pouco o tempo que se gañaría en levar o gas aos primeiros fogares e moitas as afeccións ambientais, a perigosidade e os detrimentos para a cidadanía.

O pormenorizado recurso ao conselleiro Javier Guerra, avalízase con datos e referencias técnicas contrastadas que se sintetizan no argumentario que segue:

O trafego diario de camións-tanque de 21 toneladas de gas natural licuefacto supón un perigo directo para máis de 12 mil persoas que habitan a menos de 500 metros da rota que separa Mugardos (REGANOSA) de Ribeira (156 km). A todo isto respondera, incomprensibelmente, a consellaría que hai alternativas ao porto gaseiro de Mugardos, como Bilbo, Huelva, Cartagena… a máis de 1000 kilómetros!

A mercadoría perigosa fará o traxecto unha vez cada dous días, que subirían a tres veces ao día de se conectar a central de coxeración da conserveira Frinsa. Inadmisibelmente Gas Natural equivocouse nos cálculos e recolle no proxecto una frecuencia no transporte de un camión cada cinco días.

Na aprobación non se avalía o risco do transporte e non se teñen en conta accidentes como o de transporte de gas combustíbel licuefacto de hai uns meses en Viareggio (Italia) que matou 28 persoas, o de 2002 en Tivissa (Cataluña) -un camión do mesmo tipo que se empregaría para Ribeira- que estoupou proxectando o motor e outras partes a máis de 300 metros, e o caso atroz do camión de propileno de Alfaques que en 1978 que matou 243 campistas.

Estas plantas contaminan polo propio gas que queiman para regaseificar, a sumar á contaminación dos camións, que supón importantes cantidades de enerxía e emisións de gases contaminantes e de efecto invernadoiro á atmósfera. O gas natural así, xa non é unha enerxía limpa.

Finalmente vanse debullando todas as eivas na seguranza do proxecto, comezando polo seu deseño “baixo en postos de traballo”: é unha planta de gas telexestionada, sen persoas para atendela presencialmente. Non inclúe sistemas de control redundantes, nen de alimentación eléctrica, nen de comunicacións para as emerxencias.

No estudo de factores meteorolóxicos causantes de posíbeis accidentes só se recolle que non é probábel o asolagamento. Nada se di dos lóstregos -estando no cumio do Monte de San Alberte- e toda a instalación sen teitos (para evitar acumular gas de escapes) e coas partes metálicas conectadas a terra. Non hai pararraios.

Tamén, contra as recomendacións internacionais, non se prevé protección contra actos vandálicos, piromaníacos ou terroristas nunha instalación con 120 m3 de gas liquefacto (comprimido 600 veces o seu volume gasoso), onde non hai ninguén presente, non hai cámaras; e o depósito, as caldeiras e toda a maquinaria está só protexido por un valado perimetral de rede metálica.

Escandalosamente, o plano de emerxencias semella estar feito para unha planta con persoal permanente cando cita a longa lista de posíbeis incidencias e dá instrucións de accións manuais para aplicar de contado que ninguén vai poder acometer. Por outra banda, depéndese da operatividade telemática para avisar na central, que se determine nun complicado proceso quen de todo o noroeste español vai dirixir a emerxencia e se presente finalmente en Ribeira coa equipa de operacións para porense a traballar, se ficar aínda algo…

En resumo, un desafortunado proxecto, perigoso e contaminante, que baixo unha etiqueta de provisional quérese chantar en montes veciñais de protección forestal con todos os parabéns das autoridades municipais e autonómicas.

Ligazón ao recurso presentado.