bici-coche.jpg Co gallo da celebración da Semana Europea da Mobilidade, Verdegaia desenvolveu unha comparativa de medios de transporte urbanos  en catro cidades coa finalidade de establecer con datos fiábeis cal é o medio máis eficaz e eficiente para moverse pola cidade. Os datos obtidos permiten afirmar que a diferenza entre empregar a bicicleta no canto do automóbil en desprazamentos urbanos durante un ano pode evitar a emisión de 600 kg/CO2, permite gañar 210 horas de tempo e aforrar máis de 400 €.

A metodoloxía consistiu en establecer un itinerario entre puntos que actúen de polos de atracción nas respectivas cidades (Ferrol, Santiago, Ourense e Vigo),  e percorrelo simultaneamente con 5 medios de transporte distintos: a pé, en bicicleta, moto, coche, taxi e autobús. Os traxectos variaron entre 4 e 7 km segundo a cidade.

As condicións que permitiron recoller resultados fiábeis foron:

  • Procuráronse traxectos que fosen reais, é dicir, que permitisen desenvolver algunha actividade cotiá dentro da cidade e que combinasen distintos graos de pendente para crear condicións obxectivamente parellas para os modos de transporte.

  • Realizáronse con bo tempo, xa que os días de chuvia xa crean de por si condicións moi difíceis canto a número de vehículos en circulación, e desenvolvéronse cando a actividade escolar comezaba nos colexios de primaria pero non no ensino secundario nin universitario, buscando unha “media” entre o tráfico menor dos días de verán e o tráfico particularmente intenso cando o curso está en marcha en todos os ciclos.

  • Os traxectos enténdense “de porta a porta”, marcándose o tempo no momento de chegar ao portal do edificio en cuestión O itinerario entre puntos é de libre elección coa condición de base para todos os medios de respectar a normativa de tráfico e municipal vixente.

Os parámetros que se avaliaron foron o tempo de desprazamento, os gastos do vehículo (carburante, amortización, seguros, tarifas), o consumo de combustíbel e as emisións de dióxido de carbono (CO2).

Os resultados nas catro cidades foron moi semellantes podéndose resumir en:

  1. A bicicleta e a moto foron os medios máis rápidos para desprazarse na cidade, mais tendo en conta os custos económicos e as emisións de CO2, a bicicleta é con diferenza o máis eficaz.

  2. As diferenzas de tempo son mínimas (5 a 10 min) entre ir a pé e ir en taxi/coche e refliten dous elementos a ter en conta no momento de decidir o emprego dun ou outro medio de transporte: os tempos de espera no caso do taxi e os de estacionar (búsqueda e manobra) no do coche anulan practicamente a vantaxe comparativa a ir a pé, máis se temos en conta só custos monetarios, e a velocidade media nas cidades é moi baixa, malia que a sensación do condutor/a sexa distinta.

  3. Os tempos de traxecto do autobús fanno inviábel para desenvolverse con soltura pola cidade en traxectos combinados. Isto débese fundamentalmente á presenza de retencións na cidade así como a uns tempos de espera nas paraxes excesivamente longo.

  4. O automóbil e con grande diferenza o medio de transporte máis insustentábel ambientalmente e custoso economicamente.

  5. A avaliación conxunta dos distintos parámetros demostran que a bicicleta é o medio máis eficaz para moverse dentro da cidade cun custo económico mínimo, rapidez nos desprazamentos, ocupación mínima do espazo urbano e grandes vantaxes ambientais e sociais.

Propostas 

En base a estes resultados, Verdegaia demanda a adopción de medidas urxentes para reducir o uso do coche nas cidades e trasvasar viaxeiros a outros modos de transporte de menor impacto ambiental, nomeadamente o transporte público colectivo e os desprazamentos non motorizados, isto é, andar ou pedalear.

Estas medidas urxentes teñen que ter unha dobre compoñente simultánea de disuasión e estímulo. Disuasión para o emprego do coche mediante os múltiples mecanismos posíbeis (parquímetros, restricións de acceso, peaxes, non ampliación de estradas, pacificación do tráfico) e estímulo para os medios máis ecolóxicos (melloras no transporte público con carrís exclusivos, itinerarios seguros para peóns e ciclistas, ampliación de beirarrúas).

No Día sen Coches, Verdegaia reclama ás distintas administracións o desenvolvemento das seguintes medidas:

  1. Moratoria na construción de grandes infraestruturas de transporte pensadas para o automóbil. Calquera nova circunvalación, autovía ou variante estimula o incremento do uso do coche de tal xeito que anula as posíbeis vantaxes da súa construción. Galiza conta con exemplos abondosos do colapso de autovías e vías rápidas: Vía Rápida do Barbanza, Vía Rápida do Salnés, etc.

  2. Priorización do transporte público e dos investimentos para mellorar a súa calidade. Prestando atención non só á cantidade, senón sobre todo á calidade do servizo: mellora de frecuencias, ampliación de horarios (incluídos nocturnos), billetes combinados, etc.

  3. Fomentar o establecemento dun ferrocarril sustentábel e social, entendido como un servizo público. A aposta polo insustentábel e elitista AVE detrae os investimentos imprescindíbeis para dotármonos dunha rede artellada de ferrocarril que una as principais cidades e vilas galegas. A construción da liña Santiago – Lugo e o establecemento de servizos de ferrocarril de cercanías entre Vigo e Pontevedra e A Coruña, serían os primeiros pasos necesarios, xunto coa electrificación total da rede ferroviaria galega. Non é de recibo que Galiza, unha das maiores produtoras de enerxía eléctrica do estado, siga a depender de vellos automotores diésel.

  4. Implantación dunha Rede Básica de Vías Ciclistas. Unha Rede Básica comprende non só vías ciclistas, senón tamén rúas tranquilas e espazos seguros compartidos con outros medios de transporte, para dar unha continuidade e seguridade ao desprazamento en bicicleta. Estacionamentos para bicis, posta en marcha de planos de impulso á bicicleta, acceso en bicicleta aos transportes públicos, serían outras medidas que facilitarían a universalización deste modo ecolóxico de transporte.

  5. Acougado do tráfico. Posta en práctica, en todos os barrios, de medidas para limitar a velocidade a 20-30 km/h, dando prioridade a peóns e ciclistas, realizando itinerarios sinuosos para os coches, colocando bandas elevadas na calzada e cantas medidas sexan necesarias para obrigar aos automóbiles a adecuar a súa velocidade a valores seguros para os outros usuarios da vía.

  6. Medidas de fomento da peonalidade coa de redes de itinerarios peonais, ampliación de beirarrúas, establecemento de pasos de peóns seguros e amplos en todolos cruzamentos, cun aumento dos tempos de paso semafóricos.

pdf Informe da comparativa de Medios en Compostela 376.83 Kb