ribeiras_do_louro.jpg

Verdegaia proseguirá o domingo 29 coas súas actividades de educación ambiental nas Ribeiras do Louro coa celebración dun roteiro polo espazo natural e coa apertura do Punto de Información Ambiental. Ambalasdúas actividades realizaranse os derradeiros domingos de cada mes durante todo o 2009.

O roteiro será guiado por un membro da asociación e partirá ás 11 h. tendo prevista a súa finalización en torno ás 14 h. O itinerario previsto é o seguinte: Lagoa de Orbenlle, Barreira de Orbenlle, Turbeira do Cerquido, Barreira do Cerquido, Turbeira de albelos, Ribadelouro, Lagoa de Orbenlle.

Durante o roteiro, de dificultade baixa, ollaremos os principais ecosistemas da área natural: turbeiras, gándaras, lagoas e bosques de ribeira e a flora e fauna que alí vive; entre a fauna deste espazo natural salientan o charneco (Anas crecca), especie de parrulo que atopa nas Ribeiras do Louro o único punto de cría estable na Península Ibérica, e o sapoconcho común (Emys orbicularis) que se distribúe de xeito moi escaso por Galicia. Tamén falaremos das dificultades para a súa conservación, ben como da redución da superficie incluída como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) na Rede Natura.

O Punto de información Ambiental das Ribeiras do Louro está situado na Lagoa de Orbenlle e abrirá de 11 h. a 14 h., contando tamén cun membro da asociación que informarará ós /ás visitantes dos valores naturais que alberga esta zona.

Ademais, este ano Verdegaia oferta a posibilidade ós colexios de realizar actividades con escolares nas Ribeiras para que os/as máis cativas coñezan os interesantes valores deste espazo natural. O prazo de inscripción para os colexios abrirase en breve e as actividades serán gratuitas para os centros educativos.

 

Esta é unha actividade que está englobada na Campaña Rede Natura 2000 de Verdegaia, campaña que a nosa asociación leva a cabo en diferentes espazos da Rede Natura 2000 de Galicia e que ten como fin garantir a adecuada conservación dos espazos naturais que conten con esta figura de protección europea. Dentro desta interesante campaña, o Núcleo Comarcal de Verdegaia-Vigo ten “apadriñado” o espazo natural das Ribeiras do Louro.