24_outubro_obradoiro_2.jpgMalia a chuvia e o vento, hoxe pola mañá tivo lugar na Praza do Obradoiro de Compostela unha acción convocada pola asociación ecoloxista Verdegaia como parte do día internacional de acción climática coordenado pola campaña 350.org. As e os participantes construíron sobre o chan da praza un grande 350  e tamén exhibiron un 350 detrás dunha pancarta co lema "Freemos o cambio climático".

Hoxe, en 181 países, e desde as grandes metrópoles até as ladeiras do  Everest que están a derreterse, pasando polos arrecifes de coral en perigo de extinción, estaban previstas máis de 4.000 accións para chamar a atención sobre o número 350, o cal representa, para os científicos, o límite máximo de dióxido de carbono (CO2) que a atmosfera debería conter para prevenirmos unha mudanza climática catastrófica, tendo en conta que o nivel actual é de 390 partes por millón (ppm).

 Verdegaia sumouse a esta mobilización cidadá para demandar dos gobernos que implementen solucións eficaces, sustentables e xustas á crise climática. Comezando polo Goberno galego, que carece dun plano para reducir emisións de gases causantes da mudanza climática. As emisións en Galicia de gases de invernadoiro medraron un 23,4% entre 1990 -o ano de referencia para o Protocolo de Quioto- e 2007. Ademais, as emisións por habitante de Galicia están entre as máis altas de Europa (1). Verdegaia defende o decrecemento no consumo de enerxía e materiais, a redución drástica do uso de combustibles fósiles -comezando polo carbón, o máis contaminante- e a expansión das enerxías renovables con respecto polo territorio.

O Día de Acción polo Clima celébrase seis semanas antes da convención que reunirá a estados de todo o mundo en Copenhague con motivo da Conferencia sobre a Mudanza Climática das Nacións Unidas, na que se redactará un novo tratado sobre o clima que entrará en vigor en 2013. O obxectivo de 350 ppm xa conta co respaldo de 89 países, así como o de recoñecidos climatólogos, como James Hansen,  do Goddard Institute da NASA, ou Rajendra Pachauri, presidente do Grupo de Expertos da ONU sobre Mudanza Climática (IPCC, polas siglas en inglés).

As imaxes  dos eventos de todo o mundo, incluída a acción en Santiago, amosáronse nunha pantalla xigante en Times Square en Nova Iorque, como parte da conta atrás de 350. As fotos envíaranse ás Nacións Unidas o próximo luns.

 (1) http://www.verdegaia.org/content/view/922/122/

 Máis información en http://www.350.org

24_outubro_obradoiro_2.jpg

24_outubro_obradoiro_1.jpg