De Verdegaia vimos de presentar á Consellaría do Medio Rural e do Mar as nosas alegacións e suxestións ao Programa de Desenvolvemento Rural para o período 2014-2020. Este documento é unha continuación do que xa estivo en vigor até 2013. Ambos son textos marco que adaptan as políticas da UE e os seus fondos de axuda, como os FEDER, e deseñan as liñas básicas de actuación da Xunta no eido rural.paisaxe rural

Os puntos nos que estamos en desacordo co novo PDR (Programa de Desenvolvemento Rural) son varios, pero a discrepancia é máis cualitativa que cuantitativa. No fondo o que atopamos neste documento é unha visión sobre o territorio e comunidades rurais que consideramos parte do problema e non da solución. Imos sinalar algúns aspectos concretos que achegamos nas alegacións para rematar cunha breve reflexión final.

1. Participación das comunidades

O PDR non inclúe fórmulas de participación das comunidades rurais na elaboración, posta en marcha ou avaliación das súas medidas, para alén de mecanismos burocráticos mínimos como esta propia fase de exposición pública. Non parece lóxico desenvolver o rural sen contar coa xente que forma esas comunidades.

2. Soberanía alimentar

En todo o documento non se nomea a soberanía alimentar. Este é un concepto impulsado pola Vía Campesiña dende o 1996, fundamental para falarmos de desenvolvemento rural. Algúns dos principios que recolle esta expresión son os de empoderamento das comunidades rurais, relocalización da produción, xustiza social, sustentabilidade ambiental, ou respecto ás culturas rurais.

3. Visión economicista sobre o rural

As medidas que contempla o PDR están moi enfocadas á creación de empresas no rural con maior capacidade para xerar beneficios e seren competitivas. En concreto fálase da necesidade de fomentar empresas de transformación, con produtos de maior valor engadido. A creación de empresas no rural pode non ser negativa en si mesma, pero habería que manexar con coidado este tipo de políticas. De feito a UE, a través da PAC, leva décadas pulando pola redución da poboación rural, a especialización e concentración da produción e a súa maior vinculación ao mercado internacional. Lonxe de desenvolver o rural, estas medidas supoñen a súa degradación ao rachar aspectos culturais e sociais básicos na súa pervivencia histórica, facelo máis vulnerable aos mercados globalizados, ou alterar o delicado equilibrio entre produción de alimentos e medio natural. O PDR asume como marco de actuación a PAC e polo tanto é unha peza máis neste tratamento urbanita e economicista do rural.

4. Xénero

Non existe no PDR ningún apartado específico cunha visión de xénero sobre a situación da muller no rural. Esta eiva chegaría para pedirmos a retirada do texto. As mulleres no rural sofren cando menos unha dupla discriminación por seren mulleres e labregas. Isto non é só algo simbólico, afecta as súas condicións básicas de vida. Así foi co acceso á titularidade das fincas ou ás pensións agrarias. Esta situación negativa fai, porén, que as propias mulleres rurais, en boa medida responsables do mantemento de moitos dos saberes tradicionais, sexan un axente fundamental para calquera transformación en positivo.

5. Relación entre actividades rurais e natureza

Consideramos ao Informe de Sostibilidade Ambiental do PDR como un documento un tanto acomodaticio. Certo é que sinala algúns problemas importantes, pero obvia outros non menores coma os derivados dos monocultivos de eucalipto e piñeiro, para alén dos incendios forestais, ou a presión sobre o territorio producida dende o ámbito máis urbano, por exemplo coa construción de infraestruturas viarias.

Entendemos que sería precisa unha visión máis fonda sobre os problemas do medio natural nos espazos rurais. Ademais non poden circunscribirse só ás comunidades que viven neles, a responsabilidade é tamén do ámbito urbano. As medidas propostas deben ser máis globais e ambiciosas para permitiren o mantemento dos nosos ecosistemas.

A relación entre actividades rurais e espazos protexidos precisaría unha atención que non lle adica este PDR. Hoxe esta relación presenta aspectos conflitivos, o que produce certas reticencias sobre as figuras de protección entre as persoas que viven nas zonas de maior valor natural. Porén, de acadarmos unha boa compenetración entre estas cuestións, as zonas protexidas poderían funcionar como laboratorios de boas prácticas xeneralizables logo a outros espazos.

6. Benestar animal

Mesmo se o novo PDR sinala as carencias do anterior en medidas efectivas para acadar un maior benestar animal, o documento volve a deixar de lado esta cuestión. Sería preciso pasar de sinalar o problema a actuar na práctica. Centos de miles de animais están expostos a sufrimentos evitables nos procesos de produción de alimentos. Estes animais teñen dereitos que hai que respectar e o mínimo sería evitar todo sufrimento innecesario, tanto na cría, condicións de vida e alimentación, como no seu sacrificio.

Reflexión final

Falta no PDR unha análise detida e sistémica das características do mundo rural a nivel cultural, social e ambiental. Falta unha reflexión fonda sobre a crise que está a padecer, que é moito máis que demográfica. Falta unha mención ao que significa ser labrega ou labrego no presente. Sería interesante pensar que acontecería se os lugares de toma de decisións non estivesen en zonas urbanas senón rurais, se entre as persoas que teñen cargos nos gobernos e administracións houbese máis labregas e labregos, se fose o rural algo máis que a periferia do sistema, mesmo se o propio PDR non fose un documento tinxido dunha visión urbanita sobre o que é e debe ser o rural.

Quizais deberían ser as labregas e labregos quen fixesen o seu PDR para encher eses ocos. Quizais as labregas e labregos, e todas nós, precisemos menos dun PDR que dunha transformación real das prioridades do noso sistema político e económico que poña ao rural no centro, que valore o seu potencial de futuro nun modelo de desenvolvemento diferente e que afronte dunha vez os graves problemas derivados do consumismo tecnolóxico-industrial e a urbanización do mundo como son o esgotamento de recursos, a saturación de residuos, a crise climática e o crecemento das desigualdades.