Verdegaia elaborou o documento “Cara a unha Galicia sustentábel”, con propostas para a Estratexia Galega de Desenvolvemento Sustentábel (EGDS) que está a promover a Consellería de Medio Ambiente. O documento pon de manifesto con algúns indicadores que Galicia é cada vez máis insustentábel e propón dez eixos de acción, con medidas chave concretas, para a modernización ecolóxica de Galicia.

A nosa terra tende a se afastar do horizonte da sustentabilidade. Algúns indicadores exemplifican esta realidade, en particular a elevada pegada ecolóxica: se todos os países do mundo producisen e consumisen como Galicia farían falla tres planetas como a Terra. O aumento do 20% das superficies artificializadas no período 1987-2000, a pesar de ter diminuído a poboación, o crecemento nun 45% das emisións que provocan o cambio climático, ou a escasa superficie de agricultura ecolóxica (0,97% da superficie agraria utilizada fronte ao 2,79% de media estatal) son algúns sinais de que Galicia está a crecer economicamente á custa do medio ambiente galego e global e, polo tanto, sobre bases pouco sólidas e con prexuízos importantes en termos de calidade de vida.

10 eixos de acción con medidas chave concretas

“Cara a unha Galicia sustentábel” destaca 5 eixos de acción para incorporar á EGDS: actuar fronte ao cambio climático para converter o que é unha ameaza moi seria nunha oportunidade para a mudanza; implantar unha nova cultura do territorio que poña límites á artificialización irreversíbel; impulsar a xestión sustentábel dos recursos naturais como a única opción viábel a longo prazo para o seu aproveitamento; facer unha reconversión ecolóxica do transporte, un sector chave con forte tendencia cara á insustentabilidade; e promover unha saúde pública de calidade, pois a saúde é un elemento central da sustentabilidade.

Ademais, saliéntanse outros 5 eixos de acción relacionados con instrumentos de aplicación transversal: xerar empregos verdes; realizar unha avaliación ambiental rigorosa de políticas, planos e proxectos para prevenir os danos ao medio; aplicar adecuadamente instrumentos de mercado (impostos e taxas, dereitos de emisión comercializábeis, axudas e incentivos públicos); garantir a aplicación da lexislación ambiental e pór fin ao escandaloso grao de impunidade actual; e fomentar a educación para a sustentabilidade en toda a sociedade, tanto dentro como fóra do sistema de ensino.

Por unha estratexia para a sustentabilidade útil e ambiciosa

Tendo en conta as experiencias doutros países e as recomendacións da ONU, “Cara a unha Galicia sustentábel” tamén contén propostas concretas sobre a forma de promover a EGDS, para que ésta sexa efectivamente un instrumento útil para a transición cara a sustentabilidade e non un documento máis para “facer que se fai”. A EGDS debe ligarse coa Axenda 21, procurar o reforzo mutuo coa Estratexia Europea de Desenvolvemento Sustentábel, contribuír non só á sustentabilidade galega senón tamén á global, presentar unha visión a longo prazo, ser elaborada e aplicada con transparencia e participación social intensa, beneficiarse dun compromiso político forte, garantir a coherencia coa sustentabilidade das políticas de todas as consellerías, implicar a concellos e deputacións provinciais, formular obxectivos concretos, establecer indicadores adecuados de sustentabilidade e ser obxecto dunha avaliación e seguemento rigorosos.

Verdegaia concibe “Cara a unha Galicia sustentábel” como un documento aberto que pretende ser unha contribución, desde unha perspectiva ecoloxista, ao debate sobre a sustentabilidade en Galicia. Unha das virtudes dos procesos de elaboración de estratexias para a sustentabilidade é precisamente o seu carácter de procesos de aprendizaxe colectiva a través da reflexión e o debate.

Baixa aquí o documento completo:

Cara a unha Galicia sustentabel.pdf