raxoi.jpgVerdegaia-Compostela preparou un conxunto de propostas dirixidas ao Concello que entende mellorarían a calidade de vida dos veciños e veciñas asegurando un desenvolvemento ecoloxicamente sustentable e socialmente xusto. O Concello pode xogar un papel importante na construción dun municipio que aforre recursos naturais, mellore a calidade do medio ambiente e conserve a biodiversidade, pensando na sustentabilidade non só a nivel local senón tamén a escala global. 

O exceso de tráfico, a crecente xeración de residuos, o desperdicio de auga, a contaminación dos ríos, a deterioración da calidade do aire, a perda de biodiversidade ou a elevada incidencia dos incendios forestais son algúns elementos da Compostela insustentable. Desde o Concello pouco se ten feito para reverter este cadro, como proban a parálise da Axenda 21 Local -que debería ser a estratexia local para a sustentabilidade-, as carencias do Plano Xeral de Ordenamento Municipal (PXOM), a adhesión ao sistema de tratamento do lixo de SOGAMA,  a ausencia dun Plano de Mobilidade Sustentable ou o mal exemplo do Concello en aspectos como o consumo de enerxía.

Entre as numerosas propostas contidas no documento de Verdegaia "Propostas para unha Compostela sustentable", formuladas a partir de experiencias de moitas outras cidades, destacamos as dez seguintes:

Retomar o proceso de Axenda 21 local, cun forte respaldo político do conxunto do goberno municipal, vencellándoo ás estratexias de sustentabilidade supralocais  e promovendo a participación social.

-En materia urbanística, salientamos a priorización do aluguer e a rehabilitación sobre a propiedade e a construción de novos edificios e a inclusión no PXOM dun Plano Especial de Indicadores de Sustentabilidade.

Desenvolver un Plano de Mobilidade Sustentable, de acordo co resto dos concellos da comarca, que restrinxa o uso  do coche e promova fortemente os modos non motorizados e o transporte colectivo.

Crear unha Axencia Local da Enerxía para elaborar un plano enerxético municipal, para prestar asistencia técnica á cidadanía e ás empresas en materia de aforro enerxético e enerxías renovables e para desenvolver campañas a prol do aforro enerxético.

Renunciar á incineración como principal método de xestión do lixo e promover a redución, a reutilización e a reciclaxe, demandando da Xunta un plano sustentable de residuos urbanos.

Modificar as tarifas da auga, co obxectivo de incentivar o aforro e penalizar o desbaldimento.

-Declarar o municipio como Zona Libre de Transxénicos.

Aplicar un Plano municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, de acordo coa Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Impulsar a información, a educación e a participación, por exemplo, desenvolvendo un auténtico programa de educación ambiental ou creando ou activando (no caso do Consello de Medio Ambiente) instrumentos para a participación social.

Introducir criterios ecolóxicos na contratación de bens e servizos.

Descarga aquí o documento con todas as propostas: Propostas para unha Compostela sustentable