logo_vai_de_roteiros.jpgNos algo máis de dous anos que Verdegaia leva traballando en prol da defensa do ambiente e a transformación social, a realización de roteiros polo territorio galego foi unha constante como actividade educativa e reivindicativa. Galiza dispón dunha riqueza natural, cultural e paisaxística só comparábel ás barbaridades que tristemente tamén podemos atopar con certa facilidade… encoros, autoestradas, explotacións mineiras, etc.

Verdegaia pon en marcha o seu Programa VAI DE ROTEIROS!, co dobre obxectivo de dar forma a unha actividade que até o de agora non tiñan un fío condutor visíbel e de coñecer e valorar o mellor e o peor do noso territorio, educando e ao mesmo tempo reivindicando unha correcta xestión do mesmo.

Este programa abranguerá a totalidade da xeografía galega, e de zonas próximas á nosa comunidade, perseguindo diferentes fins como servir para divulgar os valores naturais, culturais e etnográficos das zonas visitadas, dar a coñecer e denunciar as desfeitas que se detectan nas zonas polas que transcorra o roteiro, fomentar a participación cidadá en actividades relacionadas coa natureza, ser un elemento de ocio máis ofertado gratuitamente á cidadanía, e fomentar o traballo conxunto entre asociacións, entre outras finalidades.

Cada terceira fin de semana do mes, un dos núcleos comarcais de Verdegaia será responsábel da organización e realización dun roteiro no que tentaremos integrar elementos naturais e culturais, educativos e reivindicativos para coñecer e valorar mellor o noso medio e o noso impacto sobre el.

O vindeiro domingo 25 de xaneiro, o Núcleo Comarcal de Vigo de Verdegaia será o encargado de organizar o roteiro pola xunqueira e treito baixo do Lagares, no concello de Vigo, no que, ademais da fauna e flora do río, poderemos observar (e denunciar) moitas das agresións que se concentran neste tramo fluvial.

CALENDARIO DE ROTEIROS

  • Xaneiro (25/01/09): Xunqueira e treito baixo do Lagares (Vigo)

  • Febreiro (15/02/09): Treito baixo do río Tambre (Negreira)

  • Marzo (15/03/09): praia da Xunqueira e o Río da Fraga (Moaña)

  • Abril (19/04/09): Río Mera (Ferrol)

  • Maio (24/05/09): P. N. de Corrubedo (Ribeira)

  • Xuño (21/06/09): Canón do río Mao (Parada de Sil, Ribeira Sacra ourensá)

  • Xullo (18-19/07/09): Alta Sanabria (Zamora)

Os roteiros serán anunciados coa suficiente antelación na nosa páxina web, na que poderedes atopar tamén información máis detallada sobre cada un deles (desprazamentos, lonxitude, dificultade, etc.)