Ribeira Praza do Concello por Xornalcerto en FlickrDesde a asociación ecoloxista Verdegaia vimos de presentar alegacións á Ordenanza Local de Seguridade e Convivencia Cidadá do Concello de Ribeira, que fora publicada no BOP da Coruña o xoves 24 de maio de 2012.

Entendemos que esta ordenanza é absolutamente innecesaria, xa que pretende regular situacións que na súa maioría están xa debidamente reguladas pola nosa lexislación. E, en moitos casos, a regulación que se establece na ordenanza choca frontalmente co recollido na lexislación.

Este documento vulnera o principio de legalidade, así como dereitos básicos recollidos na Constitución Española e o Estatuto de Autonomía de Galiza, tales como o dereito de reunión e manifestación, e o dereito á liberdade de expresión de persoas e colectivos.

Ademais, criminaliza ou restrinxe condutas froito do libre exercicio destes dereitos. Así, por exemplo criminaliza e restrinxe o desenvolvemento e exercicio de manifestacións, concentracións, o libre exercicio artístico, político, social e cultural na rúa e en zonas privadas. Tamén dificulta e criminaliza prácticas políticas, sociais ou sindicais, como o dereito a difundir libremente as ideas e opinións.

A Ordenanza está chea de ambigüidades e imprecisións, que parecen ter como único obxecto a aplicación discrecional das mesmas. Así, aparecen expresións como “conviccións e criterios xeralmente admitidos sobre a convivencia”, “ instalacións ou actuacións de calquera tipo”, Cando a conduta atente gravemente contra a convivencia cidadá…”, “…exceptuándose […] as entidades sociais ante eventos de especial significación cidadá…”, Cando as circunstancias así o aconsellen”…

Esas expresións, que se prestan a moitas interpretacións, non poden senón dar lugar á parcialidade e discrecionalidade á hora de aplicar as normas, o que sen dúbida redundaría en situacións inxustas e discriminatorias.

Dende Verdegaia solicitamos que non se aproben definitivamente as ordenanzas mencionadas por ser manifestamente ilegais, inxustas, por non estar adaptadas ao noso Concello, pola súa vaguidade, imprecisión e arbitrariedade, por limitar dereitos fundamentais, e por non ser sometidas á participación cidadá no xeito que marca a lei.

Descarga: alegacións á ordenanza sobre convivencia de Ribeira