As pretensións de Iberdrola de construir un depósito aberto de 30 Ha ao que bombear auga dende o encoro de Santo Estevo no Canón do Sil afectan directamente ao LIC (Lugar de Interese Comunitario) Canón do Sil, declarada tamén Zona de Especial Protección dos Valores Naturais, que fai parte da Rede Natura ademais de constituíren unha fraude baixo a escusa das enerxías renovábeis

Esta piscina artificial recibiría auga bombeada dende o encoro de Santo Estebo. Este proceso realizaríase durante a noite, xa que o custo da enerxía eléctrica é menor nesas horas. No día,reconduciríase a auga acumulada ate as turbinas dunha central nova (moi preto do Mosteiro de Santa Cristina) para xerar enerxía eléctrica. Así, a auga que se bombea durante a noite cun gasto de enerxía eléctrica (barata) turbina de día e produce enerxía eléctrica bonificada como enerxía renovábel.

A piscina artificial e algúns elementos estarán á vista segundo a memoria resume de Iberdrola, o resto da instalación será subterránea con varios km de galerías calculándose en 6 anos a duración da construción.

O proxecto está ainda nas primeiras fases do seu proceso administrativo máis é indicativo dunha nova vaga de encoros que da man do Ministerio de Fomento ameazan as bacías dependentes administrativamente do Estado como o proxecto de encoro no Río Camba (castrelo do Val – Laza), o do Río Deva en Arbo (Po) e o de Río Grande en Chandrexas da Queixa.

Máis unha vez, a escusa das enerxías renovábeis agocha o negocio puro e duro que a costa do patrimonio natural pretenden desenvolver as grandes empresas eléctricas. A aprobación da Lei para a protección, a conservación e a mellora dos ríos galegos promovida mediante unha Iniciativa Lexislativa Popular supuxo a restrición deste tipo de actuacións nas concas dependentes da Xunta de Galicia polo que semella que a atención se dirixe cara a outras bacías xa sobre explotadas.