Open Pit Mining por Oceanaris en FlickrAs terras galegas, o noso modo de vida tradicional, o ambiente, a nosa propia vida están en perigo. Están baixo a grave ameaza de proxectos mineiros descomunais, altamente destrutivos e contaminantes que atinxen a todo o territorio de Galiza.

As empresas mineiras, normalmente abandeiradas no Canada e soportadas por esa banca de capitais opacos e sen patria que fai nada rescatamos entre todas e todos, lánzanse a depredar sobre a maior parte do territorio de Galiza amparados polas leis franquistas de minas e de expropiación forzosa. Estas multinacionais, alegando interese público prioritario (que non é outra cousa máis que interese privado de capitais alleos á nosa terra), expropian os terreos, dispoñen da auga, contaminan o ar e arrasan co medio a moitos quilómetros á redonda.

A Xunta, nin ten competencias en minaría, nin parece que as queira. Onde si ten competencias é en ordenación do territorio e en protección do ambiente. Porén, non só fai caso omiso destas competencias, senón que está a promover xunto coa patronal mineira un Plan de Ordenación de Actividades Extractivas co que prevé saltar por riba de toda a ordenación do territorio e permitir a minaría en todo tipo de solo protexido, mesmo en rede natura.

Por iso dende Verdegaia, pedímosvos que acudades mañá á manifestación que vai ter lugar en Compostela con saída ás 12 dende a alameda para defender a nosa terra, e o ambiente destas ameazas e dicirlle ás multinacionas mineiras e á Xunta de Galiza que “GALIZA NON É UNHA MINA”.