Snowy Plover -Charadrius alexandrinus-por Stevebarardi FlickrVerdegaia vén de rematar o seu traballo no proceso de participación pública ó que se someteron os Planos de recuperación de tres especies ameazadas en Galicia: o sapoconcho común (Emys orbicularis), a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) e a escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp. lusitanica). A nosa asociación aportou suxestións nas mesas de participación pública de organizacións ambientais celebradas en Pontevedra referidas ás tres especies, na mesa de participación pública de organizacións ambientais sobre a escribenta das canveiras e a píllara das dunas celebrada na Coruña e na mesa resumo que englobou a todos os sectores implicados celebrada en Compostela ademais de apresentar alegacións ós tres planos de recuperación.

As alegacións do noso colectivo foron as seguintes:

1.-Plano de recuperación do sapoconcho común (Emys orbicularis L.):

a) Solicítase que os plano conte cun orzamento, persoal para levalo a cabo e un cronograma de actuacións.

b) Solicítase que se estuden pormenorizadamente as zonas onde existan poboacións da especie, tanto as xa coñecidas como outras posibles descoñecidas actualmente, para establecer a área de distribución da especie rigorosamente e de cara a tomar medidas de conservación.

c) Solicítase que se forme ós gardas forestais e ambientais que traballen nas zonas de presenza da especie.

d) Solicítase que exista un protocolo de actuación que se poña en práctica cando apareza un sapoconcho nun medio que, en principio, non é favorable para a especie.

e) Solicítase que se detecten os puntos negros de mortaldade da especie onde morren un elevado número de exemplares cada ano.

f) Solicítase que se inclúa á pesca como actividade deportiva fluvial no informe da Dirección Xeral competente en materia de Conservación da Natureza que ten que ter en conta a presenza da especie, para a realización de actividades deportivas fluviais.

g) Solicítase que se informe ás tres Universidades galegas das medidas de investigación e conservación que se están a levar a cabo a respecto da especie para fomentar que se leven a cabo proxectos de investigación.

2.- Plano de recuperación da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp. lusitanica Steinbacher):

a) Solicítase que o plano conte cun orzamento, persoal para levalo a cabo e un cronograma de actuacións.

b) Solicítase que se estuden pormenorizadamente as zonas onde existan poboacións da subespecie, tanto as xa coñecidas como outras posibles descoñecidas actualmente, para establecer a área de distribución da especie rigorosamente e de cara a tomar medidas de conservación. No borrador coméntase que se promoverá a realización dun inventario de humidais da área de distribución potencial; solicítase que se realice e non só se promova.

c) Solicítase que se estuden en concreto as poboacións das Brañas de Laíño (denominadas erroneamente “canizais do Ulla” no borrador) e do esteiro do Tambre de cara a tomar medidas de conservación e de manexo de hábitat.

d) Solicítase que toda a área de distribución da subespecie en Galicia sexa protexida dentro da Rede Natura 2000. Consideramos flagrante que as Brañas de Laíño non estean dentro da Rede Natura 2000 en Galicia.

e) Solicítase que unha das finalidades do plano sexa aumentar e non só duplicar o tamaño da subespecie; neste punto deberíase engadir o período de tempo no que se pretende acadar ese obxectivo.

f) Solicítase que se cense todos os anos a poboación da subespecie en Galicia.

g) Solicítase que todos os proxectos de investigación encamiñados ó coñecemento da bioloxía e ecoloxía da subespecie e, en concreto á área de distribución e tendencias migratorias da mesma, se leven a cabo en colaboración con científicos que xa están a levar a cabo este tipo de proxectos en Portugal.

h) Solicítase que se contemplen as zonas próximas de hábitat potencial para a alimentación da subespecie e que se tomen medidas de cara á súa conservación.

i) Solicítase que se prohiba o uso de biocidas e fertilizantes nas zonas agrarias de alimentación da subespecie.

l) Solicítase que se prohiba a apertura de pistas e a construción de infraestruturas nas áreas prioritarias de conservación da subespecie.

m) Solicítase que se informe ás tres Universidades galegas das medidas de investigación e conservación que se están a levar a cabo a respecto da subespecie para fomentar que se leven a cabo proxectos de investigación.

3.- Plano de recuperación da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.):

a) Solicítase que o plano conte cun orzamento, persoal para levalo a cabo e un cronograma de actuacións.

b) Solicítase que se delimiten mellor as zonas prioritarias de conservación da especie, introducindo, entre outras, o istmo da Lanzada (O Grove).

c) Solicítase que se inclúan dentro da área de reprodución da especie os areais onde se está a comezar a reproducir a mesma nos últimos anos como, por exemplo, Area Loura (Nigrán) ou Area Brava (Cangas do Morrazo). Consideramos excesivo que a especie teña que estar a reproducirse cinco anos seguidos nun areal para consideralo área de reprodución da especie e solicitamos que ese período se reduza a dous anos.

d) Solicítase que se prohiba o tránsito de cabalos e animais domésticos con e sen correa, polas praias onde se reproduza a especie no período reprodutivo da mesma.

e) Solicítase que cando se teña que sancionar a una persoa que estea incumprindo algunha norma, lei,… se sancione e que se retire o concepto de “primar e non sancionar” que aparece neste plano.

f) Solicítase que se prohiba retirar as algas das praias con presenza da especie.

g) Solicítase que se potencie a vexetación de duna primaria nas praias con presenza da especie.

h) Solicítase que se prohiba a limpeza mecánica nas praias nas que se reproduza a especie entre o 1 de marzo e o 31 de agosto.

i) Solicítase que nas zonas de presenza en período reprodutivo, tanto as pertencentes como as non pertencentes á rede galega de Espazos Naturais, adoptaranse medidas de xestión específicas respecto o tránsito e acceso ós respectivos frontes de praia.

l) Solicítase que se retire a excepcionalidade respecto á práctica do Kite-surf que figura neste plano.

m) Solicítase que a práctica do Kite-surf se delimite minuciosamente para non afectar ás poboacións da especie, tanto á reprodutora como á invernante. Deste xeito, solicitamos que se prohiba a práctica desta modalidade deportiva nos areais onde se reproduza a especie durante o período reprodutor e que se delimite a súa práctica nos areais de presenza da especie o resto do ano. Desta maneira, solicitamos que as velas se poñan a secar só na beiramar coa marea baixa e nunca en ningún outro lugar dos areais, que se delimite un acceso concreto e non daniño ós areais e que se leven a cabo todas a medidas posibles para que non se produza ningún tipo de dano sobre as poboacións da especie.

n) Solicítase que as gaiolas de protección que se instalen teñan 3 m de diámetro e un perímetro de protección 12 m.

ñ) Solicítase retirar a gaivota patiamarela (Larus michaelis) como ameaza para a especie.

o) Solicítase que se prohiba o tránsito e non só se recomende dentro do apartado de “Directrices para a xestión nas áreas de presenza da especie”.

p) Solicítase que se informe ás tres Universidades galegas das medidas de investigación e conservación que se están a levar a cabo a respecto da especie para fomentar que se leven a cabo proxectos de investigación.