O día 20 de maio, de 12:30 h a 14:30 h terá lugar un debate na facultade de Bioloxía (Salón de Actos do Edificio de Ciencias Experimentais) sobre os organismos xeneticamente modificados. 

Verdegaia participará neste debate, onde tamén teremos a oportunidade de escoitar a representantes de Monsanto, do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino, Plataforma Galega Antitransxénicos e un científico da Universidade de Vigo.

Os/as relatores/as son:

 

Tom Kucharz (Verdegaia)

María Xosé Ogando González (Plataforma Galega Antitransxénicos)

Conchi Novillo (técnico de Asuntos Regulatorio e Científicos de Monsanto para España e Portugal)

José Ignacio Ortega Molina (Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino)

Pedro Pablo Gallego (Facultad de Bioloxía, UVigo)

 

O cultivo de produtos alimentarios transxénicos é un dos problemas actuais máis graves respecto á crise alimentaria que afecta a todo o mundo. Esta crise está provocada pola avaricia dun pequeno grupo de empresas multinacionais (como Monsanto) que pretenden ser as donas e señoras de toda a extensión cultivada do mundo e ter así uns beneficios millonarios coas patentes que todo o campesiñado lle ten que pagar. Isto é, empresas como Monsanto queren facerse ricas a custa da fame de moita xente no mundo. 

O Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino soamente dedica os seus esforzos sobre este tema a apoiar incondicionalmente os intereses de empresas como Monsanto e non lle importa en absoluto a situación real de millóns de persoas no mundo, que teñen que malvender as súas terras, que teñen que deixar as súas producións ecolóxicas porque están contaminadas polas sementes xeneticamente modificadas, que teñen que arruinarse pagando patentes a estas empresas (incluso quen non sementa transxénicos, por contaminación) e a tentar convencernos de que algo que non ten estudos científicos independentes a disposición do público non é malo porque o di o MInisterio. 

Verdegaia cre que xa está ben de esconder información á poboación e de que os poderes públicos sirvan exclusivamente os intereses dunhas poucas persoas que se enriquecen a custa do sufrimento de millóns de persoas. Cremos que esta é unha oportunidade de preguntarlle directamente a Monsanto e á responsable do Ministerio sobre as mentiras que levan dito todo estes anos e para que aclaren por que non empregan o principio de precaución, como outros países de Europa. 

 Por iso convidamos a todo o mundo aque acuda a esta cita, na que teremos a oportunidade de escoitar todas as partes implicadas no gravísimo problema ambiental, social e económico do emprego de cultivos transxénicos.