ridimoasA asociación ecoloxista Verdegaia Ourense ven de outorgar os seus premios anuais á mellor e peor actuación ambiental do ano que corresponderon a Asociación Ridimoas, e ao concelleiro de urbanismo e medio ambiente do concello de Ourense Enrique Novoa.

A entrega dos premios, xunto cos premios a nível galego realizáronse este sábado 25 de novembro a partir das 22:15 no CIS Aixiña (rúa da Farixa, 7 baixo) en Ourense no decurso dunha cea.

A proposta de Ridimoas  para o premio Verdegaia da comarca de Ourense a mellor actitude ambiental  foi aceptada por unanimidade por ser un exemplo para todos de perseveranza e  continuidade do ecoloxismo galego. Nace a finais dos setenta e devagariño vai ampliando e conservando o monte autóctono galego, ademais de todo o amplo ecosistema que o rodea, coa creación de refuxios para a fauna,  ata converterse en referente para galegos e galegas.

Varias veces premiada, esta asociación mantén o bosque como fonte de riqueza, nun ano catastrófico para o monte, cunha vaga de lumes que asolou en tan só once días máis de 77.000 hectáreas. Experiencias deste tipo demostran que é posible restaurar o noso monte tan danado e tan necesario para todos e todas nós. 

O porqué o premio Verdegaia Ourense peor actitude ambiental a Enrique Novoa López  explícase dende esta asociación por varios motivos de gravidade para o noso contorno vital como ourensáns e ourensás.                Polo urbanismo caótico da periferia, favorecendo o feísmo e a desordeación. Polas chemineas dos aparcadoiros de Mariñamansa, non só unha cuestión estética senón tamén unha cuestión de saúde e benestar. A falta de espazos verdes na cidade e o descoido das xa habilitadas como o “Paseo Barbaña”, descoido que afecta aos camiños e ao propio río. E pola falta de sensibilidade cara aos nosos ecosistemas fluvias, con atentados continuados: trasbase do Miño ao Barbaña; falta de saneamento e depuradoras no Loña, Barbaña e Miño; e polo empeño de introducir plantas tropicais nas ribeiras do Miño, coas consecuencias negativas de suplantar especies autóctonas por fóraneas. 

Ourense é unha cidade que aínda non aprendeu a valorar a riqueza do seu medio e a falta de sensibilidade dos nosos políticos fai que cada vez sexa máis complicado convivir e recoñecer positivamente a biodiversidade propia deste clima e da nosa condición xeográfica, ademais da riqueza que supón estarmos rodeados por correntes fluviais. Verdegaia reclama unha maior atención e respecto cara a nós mesmos como habitantes do ecosistema ourensán.