Verdegaia presentou, en prazo de exposición pública, alegacións contra o proxecto da canteira que prevé construir a empresa Miñor Granitos S.L. no Monte Comunal da Parroquia de Sabaxáns, no Concello de Mondariz. 

É de sobra coñecido o impacto negativo (medioambiental e social) que teñen as canteiras sobre o territorio. Neste caso sería especialmente negativo polo gran e valioso patrimonio natural e cultural que caracteriza a devandita zona, pois afectaría a hábitats de interese comunitario (protexidos por normativa europea e estatal); avifauna sedentaria, estival e migratoria, a gran maioría especies recollidas no Catálogo galego de especies ameazadas como de “de interese especial”; mamíferos como o lobo (Canis lupus) considerado Especie de Interese Comunitario; especies de morcegos: Rhinolophus ferrumequinum, R. hipposideros, Myotis myotis, que están catalogadas como “vulnerables” no Catálogo galego de especies ameazadas; étc.

O Monte Comunal da Parroquia de Sabaxáns tamén é o lugar escollido para a cría de aves como a Lullula arborea, Sylvia undata e Caprimulgus europaeus, todas elas incluídas no Anexo I: Especies de Aves obxecto de medidas de conservación, da Directiva 79/409/CE e recollidas tamén no Catálogo galego de especies ameazadas.

Por último nos recunchos do Monte Comunal habitan tamén numerosos anfibios e reptiles, de especial protección e moitos catalogados como vulnerables de extinción.

Pero, ademáis de toda a vida que alberga o Monte comunal de Sabaxáns, este espazo tamén destaca por posuír os Foxos da Chan da Anduriña, que son un conxunto único de patrimonio arqueolóxico galego. Estes foxos son un exemplo de dispositivo tradicional para a captura do lobo e outros animais salvaxes polo método de acoso.

Queda claro pois que este espazo natural distínguese pola súa calidade ambiental e cultural, sendo un dos espazos interiores do Sur de galicia de maior interese ambiental.

Dito esto, parece evidente o establecemento de medidas de protección e conservación para presevar un espazo tan único e preciado. Por contra, sobre él planea unha ameaza canteira chamada “Proxecto Corvos” que pretende levar a cabo a empresa Miñor Granitos S.L. Este proxecto destruiría completamente o espazo natural de altísimo valor ecolóxico, ademáis de alterar a paixase de forma irreversible. Por suposto non compre esquecer as alteracións xeolóxicas; a afección dos acuíferos, o ruido, as vibracións, o tráfico intenso de camións.

As canteiras son actuacións moi agresivas sobre o territorio,e cómpre valorar detenidamente a súa construcción. ¿Quén valora se a pedra extraída da canteira vale máis que a enorme biodiversidade que destrúe? ¿Os custes ambientais e sociais da canteira, están contabilizados no prezo final da pedra?

Son as Administracións públicas (autonómicas e municipais) as quen debe velar polo cumprimento da Lei de protección da natureza á hora de conceder as licencias, e salvagardar o dereito dos cidadáns ao disfrute dun medio ambiente sano.

Verdegaia aboga por unha moratoria na posta en marcha de máis canteiras. A protección do noso entorno natural é unha necesidade social, un dereito colectivo de tod@s, e unha obriga para con aqueles que non poden defenderse.