imaxe creative commons praza toural1O vindeiro xoves 31 de maio, o concello de Compostela levará ao pleno municipal unha nova ordenanza de ocupación e uso da vía pública. Esta ordenanza, dirixida a regular actividades que teñen lugar na vía pública, incorpora un elevado número de artigos que afectan directa ou indirectamente o uso do espazo público por parte da cidadanía. Entre os aspectos máis destacábeis está previsto cobrar polo uso do espazo público para eventos, festas ou actividades sen ánimo de lucro, prohibir o uso de megafonía e altofalantes, pedir fianza e/ou avais para o uso de espazos públicos, ou mesmo desautorizar un acto previamente autorizado sen necesidade de aportar explicacións.

De Verdegaia, queremos amosar o noso total rexeitamento a esta normativa que, lonxe de buscar un ordenamento construtivo das actividades que se desenvolven no espazo público compostelán, supón un novo paso cara ao control e o sometemento da cidadanía en xeral e dos movementos sociais en particular. Por este motivo, animamos a todas e a todos a participar nas accións que está a organizar a sociedade civil compostelá: a presentación de alegacións individuais e colectivas e a asistencia á concentración e cazarolada que terá lugar o vindeiro xoves, 31 de maio, na praza do Toural e a unha xuntanza aberta, o luns 4 de maio, ás 20:30 na praza da Oliveira.

Achegamos un documento informativo elaborado por veciños e veciñas de Compostela sinalando os puntos máis conflitivos da normativa. Tamén, un documento tipo para a recollida de alegacións no que se pide a retirada da ordenanza e dos puntos conflitivos.

As alegacións poden remitirse de varios xeitos:

1) por correo electrónico: http://www.santiagodecompostela.org/contactos_concello.php?lg=gal.

2) a través da web do concello (require rexistrarse).

3) no rexistro do concello, de 9:00 a 14:00 (levade dúas copias do documento), indo ao Rexistro Xeral, na rúa Presidente Salvador Allende, nº 4, baixo (981 543 122), ao Centro Sociocultural do Ensanche, na rúa Frei Rosendo Salvado 14-16, baixo (981 543 001), ou a CERSIA Empresa, na avenida do Alcalde Raimundo López Pol, s/n (981 542 493).

BANDO.pdf

Sinaturas.pdf