grixo_de_gran_tama__o.jpgVerdegaia require novamente da Xunta de Galicia a paralización inmediata das obras do paseo fluvial no Rio Sor (Mañón). Ameaza con denunciar os feitos ante a Fiscalía de Medio Ambiente, sen descartar unha acción directa de paralización para evitar maiores danos. O proxecto carece do preceptivo Estudo de Impacto Ambiental e ameaza a conservación das fragas do Río Sor. Pese á denuncia efectuada recentemente por Verdegaia, constatouse que as obras se reanudaron impunemente. Tanto o Río Sor como as fragas da contorna foron propostos pola Xunta de Galicia para ampliar a Rede Natura. 

En relación coas obras de construción da "Rota de Sendismo Ribeira do Bispo – Ambosores", no Concello de Mañón, Verdegaia denuncia novamente que, pese á denuncia apresentada o día 10/05/08 contra o Concello de Mañón (promotor da rota de sendismo) por carecer o proxecto do preceptivo Estudo de Impacto Ambiental e degradar o bosque ripícola do Río Sor, constatouse que as obras están a continuar impunemente, pavimentándose o camiño supostamente peonil con zahorra.

Lembramos que o Río Sor e as fragas da contorna foron propostos pola Xunta de Galicia como un espazo natural a incorporar na Rede Natura 2000, ao posuir unha serie de hábitats naturais e de especies de interese comunitario recollidos na Directiva 92/43/CEE de "Hábitats" que xustifican dita protección. Precisamente a construción do paseo fluvial está afectando a algúns destes hábitats de interese comunitario, principalmente ao denominado como "Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae)", Código 91E0, cuxa conservación, de acordo coa Directiva europea, é prioritaria.

O que nun principio podería parecer unha actuación branda, compatibel coa conservación da contorna, en realidade non o é, dado que se está a abrir un novo camiño de varios metros de ancho a través da fraga por onde poden circular veículos todoterreo como quads, motos de cross e mesmo 4×4. Ademáis, o camiño supostamente peonil é unha via de entrada de especies vexetais exóticas de carácter invasivo como os Eucaliptos e as Acacias que ameazan a integridade das fragas existentes, obxecto de protección, tal e como xa está acontecendo nos treitos de paseo fluvial construidos con anterioridade. Debido tamén ao caracter pirófito destas especies exóticas, os lumes forestais poderían penetrar até o corazón das fragas infestadas por ditas especies onde antes era imposibel pola súa inexistencia e pola umbría ininterrunpida do sotobosque.

Verdegaia non se opón á práctica de sendismo neste tipo de espazos naturais sempre que non implique a execución de proxectos agresivos coa contorna, como é o caso que nos ocupa. Abondaría con aproveitar os carreiros de pescadores fluviais, corredoiras e camiños forestais xa existentes en ambas marxes do río, sen máis obras que o desbroce anual dos mesmos para mantelos despexados. Debido a que en diferentes zonas do río existen pontes que permiten comunicar ambas marxes, poderíase manter igualmente unha rota continua desde o nacemento até a desembocadura sen necesidade de construir novos camiños nos treitos onde estes non existan simplemente alternando de marxe.

Verdegaia púxose en contacto de novo coa Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para esixir, unha vez máis, a paralización cautelar das obras e a revisión en profundidade do proxecto, advertindo que de non adoptarse dita medida verémonos na obriga de presentar unha denuncia ante a Fiscalía de Medio Ambiente, sen descartar a posibilidade de paralizar nós mesmos as obras para evitar maiores danos.