Co gallo do Día Forestal Mundial que se vai celebrar o vindeiro 21 de marzo, Verdegaia esixe melloras na política forestal galega pola súa escasa sensibilidade e sostibilidade ambiental. Solicitar que se redacte un Decreto de erradicación e control do eucalipto por parte da Xunta de Galicia, unha maior divulgación das axudas para repoboar con especies autóctonas, ou solicitar que máis do 70 % dos cartos recibidos en subvencións polas C.C.M.M. É que unha maior cuantía dos seus ingresos sexan destinados ao fomento de masas naturais son algunhas das nosas esixencias.

Verdegaia quere manifestar a súa máis rotunda oposición á política de repoboacións que está a levar a cabo Medio Rural en espazos protexidos da Rede Natura 2000. A plantación de piñeiros no Courel, pon de manifesto a nefasta política ambiental dunha Consellería incapaz de xestionar axeitadamente os lugares máis valiosos da nosa xeografía.

A substitución das especies autóctonas por especies foráneas supón unha grave ameaza dos ecosistemas, tanto pola perda de biodiversidade, como pola alteración das fráxiles relacións existentes entre as comunidades animais e vexetais, que podería conducir á extinción das especies máis sensibles á alteración do seu hábitat.

O emprego de especies non autóctonas, ademáis, incumple a lexislación vixente, xa que:

  • A Lei 9/2001 de 21 de agosto de Conservación da Natureza, no seu título II da Fauna e Flora recolle que “se adoptarán las medidas precisas para regular a introducción e proliferación incontrolada no medio natural de especies distintas ás autóctonas”.

  • A Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, dentro do capítulo adicado aos Espazos Protexidos Rede Natura 2000, indica que “as administracións competentes tomarán as medidas apropiadas para evitar nos espazos da Rede Natura 2000, o deterioro dos hábitat naturales e dos hábitat das especies, así como as alteracións que repercutan nas especies que motivaran a designación destas áreas”.

Por todo isto, Verdegaia reclama un cambio na política forestal da Xunta de Galicia e o emprego de criterios sustentables na xestión das nosas masas forestais, ademáis de esixir o emprego exclusivo de especies autóctonas para calquera repoboación a realizar nun espazo protexido.

Ademáis, é indispensable unha revisión de xestión do hábitat en áreas afectadas por incendios forestais. Un consenso coa poboación local pode ser clave. A creación de pasteiros de montaña pode axudar a diminuir a superficie de brezais que anualmente son pasto das chamas por causas gandeiras.

O monte galego está fragmentado por pistas e cortalumes de alto impacto paisaxistico e visual. O fomento de faixas verdes compostas por arborado autóctono ademáis de diversificar o monte, son unha solución eficaz ao avance do lume en bosques pirófitos.

A eliminación do monocultivo de eucalipto, as superficies invadidas pola acacia-especialmente preocupante no val do río Miño- e un aumento dos bosques autóctonos son traballos que poden servir a potenciar o emprego forestal para que a poboación local se sinta identificada co seu monte co fin de diminuir as hectáreas que anualmente son pasto das lapas e lograr unha sustentabilidade forestal.

Que Galicia siga sendo a comunidade con menos superficie forestal protexida do Estado español é inadmisible.